Historias de ida e volta: A pegada indiana na Mariña lucense:
Escola de San Román de Vilaestrofe, no concello de Cervo, 2008
Esta escola debe a súa existencia ao labor filantrópico do indiano Manuel Candia (Cervo 1850-1930), natural de San Román de Vilaestrofe e que fixo fortuna na Arxentina. Retornou en 1889 e mandou construír esta escola para educar os nenos e nenas da parroquia; ademais das aulas, contaba tamén con vivenda para o profesorado. A súa inauguración data de 1913. Nesta vistosa edificación destaca a fachada principal, cunha escalinata de acceso, moitos elementos decorativos xeométricos nas numerosas fiestras e un frontón curvo con reloxo. Nunha das placas conmemorativas de mármore pódese ler: «Los vecinos de esta parroquia, al filántropo Don Manuel Candia. Año 1913». Nun acto de homenaxe a Manuel Candia ondearon as bandeiras da Arxentina e de Galicia. A el asistiron a corporación municipal, mestres, médicos, párrocos, gardas civís, ademais dos veciños da parroquia de Vilaestrofe e das de Viveiro e Xove, e ofreceuse un banquete para un centenar de comensais nunha das aulas do grupo escolar.
O legado de Manuel Candia López superou as 60 000 pesetas, que serviron tanto para a construción desta escola como para a dotación de material escolar e mobiliario, ademais de para o seu mantemento e o pagamento do persoal docente. Este ilustre indiano tamén colaborou na construción do cemiterio e a estrada que une Vilaestrofe e Burela.
Entre 2001 e 2006 o edificio pasou por un proceso de rehabilitación promovido polo Concello de Cervo.