Material
Historias de ida e volta
O galeguismo en América
Almanaque Gallego, Bos Aires (1898-1927)
Detalle
Esta publicación bilingüe foi fundada e dirixida polo lugués residente en Bos Aires Manuel Castro López (1860-1927). O xornalista e escritor especialista en estudos históricos era de ideoloxía republicana e galeguista. Foi fundador da revista El Eco de Galicia e da publicación que ilustra esta imaxe, Almanaque Gallego. Deste último foron publicados trinta volumes en que se poden atopar as colaboracións literarias e artísticas de autores de mérito relevante como Manuel Murguía, Manuel Leiras Pulpeiro, Eduardo Lence-Santar, Eugenio Carré Aldao, Benito Fernández Alonso, Jesús Rodríguez López, José María Cao, Francisco Asorey, Modesto Brocos ou José Seijo Rubio.Recollemos os obxectivos que o propio Castro López expón no primeiro número do Almanaque Gallego: «Dar á conocer, en las repúblicas del Plata, á la pequeña patria, y en la pequeña patria, el saber, el ingenio y la honrosa acción de sus hijos residentes en estos países».
No seu número do ano 1923 publícase por primeira vez o único relato de Rosalía de Castro en lingua galega, titulado “Conto Gallego”. Sen dúbida, Almanaque Gallego constitúe unha obra de referencia importante que representa, en si mesma, un instrumento de enaltecemento da cultura galega desta e da outra beira do Atlántico.
A edición facsimilar do Almanaque Gallego foi posible grazas a un convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Aquelas persoas interesadas na súa consulta poden ler e descargar os seus números neste enlace.


