Día das Artes Galegas: Asorey e a diáspora

Día das Artes Galegas: Asorey e a diáspora

O escultor cambadés Francisco Asorey é a figura homenaxeada no Día das Artes Galegas 2024. Neste especial exploramos o seu papel referencial como creador dunha identidade visual galega que gozou de gran aceptación entre as comunidades da emigración americana.

Tres senlleiras pezas escultóricas de Asorey viaxaron a América en momentos e circunstancias distintas. Cada unha delas cóntanos momentos clave da vida creativa do artista e a súa relación coa sociedade galega. Hoxe atópanse en Rosario e Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai).

#Rosario#
O creador de símbolos: a Naiciña



Naiciña (1922) permaneceu moitas décadas desaparecida. A súa recente localización por parte de familiares de Asorey nun museo de Arxentina permítenos explorar como esta obra maxistral é un exemplo da arte 'plenamente galega' que procurou o artista na súa primeira época, e do apoio da intelectualidade galega ao seu estilo artístico nas primeiras décadas do século XX.





#Bos Aires#
Unha arte asentada no tempo



O monumental altar elaborado para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, no cemiterio de La Chacarita, amosaba as conexións entre a arte de Asorey e a reivindicación do románico compartida por outros artistas do seu tempo, como Castelao.



#Montevideo#
Viaxes de ida e volta con Santa



Santa presidiu durante décadas as xuntas da Casa de Galicia de Montevideo. A súa historia lémbranos os camiños de ida e volta entre os galegos de diáspora e a arte galega.