#Montevideo#
Santa e as viaxes de ida e volta
Día das Artes Galegas: Asorey e a diáspora

Santa foi a obra da que Francisco Asorey considerou, en entrevistas, como a máis "satisfactoria" da súa extensa obra. Pero tamén foi unha das figuras máis emblemáticas e polémicas. Participou na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid de 1926, onde xenerou unha gran controversia e polémica. Abonda con botar un ollo á prensa da época para decatarse da gran diferencia entre as imaxes de mulleres alí amosadas -investidas ben de estética relixiosa ou da sensualidade e elegancia do art-deco- para confrontar coa rudeza e realismo de Santa. A controversia na prensa tendeu a se converter en todo un debate sobre que Galicia debía ser amosada, que corpo feminino debía ser convertido en arte.
A principios de 1951 Ramón Varela Radío intermediou entre a Casa de Galicia e Asorey para a venda de Santa. Conforme a documentación investigada pola profesora Pilar Cagiao, sabemos en xaneiro de 1951 a entidade da diáspora debatiu a adquisición da figura. O acordo da Xunta directiva foi rápido. O cambadés facilitou tanto a compra de Santa desde o punto de vista económico que a Casa de Galicia remitiulle unha carta (conservada na Fundación Asorey) agradecendo o que consideraban “case unha doazón”. Santa chegaría ese mesmo ano a Montevideo. A obra pasou a ocupar un lugar de honra na Casa de Galicia, presidindo a sala de xuntas da entidade. Desde a súa creación en 1926, e tralo seu paso por algunhas exposicións, a obra permanecera en propiedade do autor. Só se quixo desprender dela a unha idade xa ben madura para a época, 62 anos, e non se coñecen as motivacións para facelo, pero a xulgar pola transacción, non deberon ser económicas. Testemuña, de algún xeito, as intensas relacións entre a arte galega e as comunidades da diáspora, que fixeron que os centros galegos se interesaran pola adquisición de obra plástica de grandes artistas galegos para os espazos públicos das súas entidades. Francisco Asorey morrería dez anos despois en Compostela.

En 2019 Santa retornou a Galicia no marco da exposición "Galicia, un relato no mundo", promovida pola Xunta de Galicia a través da súa Consellería de Educación e Cultura e a Fundación Cidade da Cultura, co comisariado de Manuel Gago e o impulso da profesora da USC Pilar Cagiao, asesora da exposición e principal valedora da peza. Sería o punto de partida para a súa posterior adquisición, xunto co resto da colección artística da Casa de Galicia de Montevideo, por parte da Xunta de Galicia. Mercé a un acordo co Ministerio de Cultura de Uruguai, Santa está agora exposta no Museo Zorrilla da cidade.
Fotografía superior: Cidade da Cultura / Xunta de Galicia


