#Bos Aires#
O altar do Centro Galego de Bos Aires
Día das Artes Galegas: Asorey e a diáspora

En 1937 Francisco Asorey rematara unha das súas obras máis ambiciosas: o conxunto escultórico para o altar do Centro Galego de Bos Aires. A revista da entidade daba conta de que o peche dos portos españoles pola Guerra Civil impedía que a obra puidera ser enviada a Bos aires. A obra ficaba na custodia de Ricardo Rodríguez Pastor, fundador do Banco Pastor.

O altar inauguraríase finalmente o 15 de agosto de 1943, cando se celebrou unha cerimonia polo remate das obras do Panteón social e inauguración da capela. A revista Galicia describiría deste xeito a obra de Asorey: "trae á memoria as liñas máis puras dos nosos cruceiros populares ou das nosas imaxes labradas en granito para os pórticos ou os altares das vellas iglesias medievais galegas".

A descrición é unha perfecta definición doutro aspecto importante da obra de Asorey. Xunto coa inspiración popular das súas figuras, adobiadas coa vestimenta tradicional galega, Asorey tomou numerosas referencias da arte medieval galega: especialmente do románico considerado como o periodo artístico de máis esplendor do país por parte da xeración Nós. O propio edificio da capela do panteón está inspirado no románico de Santa María de Sar. Nos capiteis que sosteñen a piedade conformada pola Virxe María e Cristo morto están representados o pobo traballador, mariñeiro e labrego. A Piedade, con todo, é un arco e ao tempo é un dolmen, aspecto que Asorey tamén reflectiu en traballos de gran escala como o monumento a San Francisco (Santiago de Compostela), onde o conxunto xorde dun círculo lítico prehistórico.
Fotografías de Galicia. Voceiro do Centro Galego de Bos Aires. Nº 367 - agosto de 1943. Fondo: Arquivo da Emigración Galega


