OLLADAS SOBRE NÓS

María López Sández explora o universo da revista Nós

Encol da aldeia

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (14), pp. 1-7.
Encol da aldeia. (1922).




Este artigo, publicado na revista Nós só dous anos despois de que esta publicación botase a andar, é, en certo xeito, precursor da preocupación pola xeografía e a paisaxe (en todos os múltiples aspectos que implican) por parte de Ramón Otero Pedrayo, en particular, e do conxunto da xeración Nós, da que forma parte, así como tamén dos homes de Galaxia, que xa nos anos 50 farán deste tema un dos eixes temáticos do seu pensamento e da súa produción ensaística. Mais a miña escolla está relacionada, tamén, coa importancia fulcral que na actualidade teñen algúns dos temas tratados aquí por Otero Pedrayo: o esmorecemento do mundo rural e a perda e o abandono das aldeas son hoxe unha realidade que choca con movementos contrarios de recuperación e revitalización. Por outra banda, a reflexión que no artigo se fai sobre as especies arbóreas e a súa significación para Galicia e as advertencias fondamente sentidas acerca das decisións sobre aquelas especies que se decide plantar son tamén relevantes para repensar a nosa política forestal, a nosa xestión do monte e os criterios cos que esta se realiza. Otero Pedrayo chega a implorar neste artigo: “Mais, por Deus, non plantedes nin acacias de bola nin palmeras”. O texto, deste xeito, non só nos achega o pensamento sobre a paisaxe do pensador máis sobranceiro da nosa historia cultural sobre este tema, senón que formula cuestións relevantes para o momento actual relacionadas coas decisións que na contemporaneidade tomamos sobre o noso territorio. Nun tempo en que emerxe a conciencia ecoloxista e movementos como o ecofeminismo e a ecocrítica presentan un crecemento imparable, situándose nun primeiro plano a nivel social, “Encol da aldeia”, a piques de facer 100 anos, ten aínda moito que dicir.

María López Sández
Un texto de María López Sández
Filóloga e ensaísta

Esta web utiliza cookies. Podes ver a nosa política de cookies aquí. Ao continuares navegando, aceptas esta política.
Política de cookies +