Voces centenarias

Voces centenarias

Francisco Fernández del Riego

Voces centenarias

Incansable traballador a prol da cultura galega

Francisco Fernández del Riego no Álbum de GaliciaFrancisco Fernández del Riego é a presenza constante, vizosa e dialogante en toda entidade cultural galega dende os anos 40 do pasado século. A súa entrega a prol da cultura de Galicia ‒e, por extensión, á nosa vida política‒ convérteo en figura indispensable. Estas gravacións, custodiadas no Arquivo Sonoro de Galicia, que se ofrecen teñen como eixe tres intelectuais senlleiros: Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero e Antón Losada Diéguez. Eles son a guía que lle permite ao noso conferenciante reflexionar, paseniño e con verba engaiolante, sobre que é Galicia e a súa cultura.






Ricardo Carballo Calero




Con motivo da xubilación de Carballo Calero como catedrático de Lingua e Literatura Galegas da USC, a Asociación Cultural Medulio de Ferrol organiza un ciclo de homenaxe ao profesor. Fernández del Riego, como amigo fraternal, participa nel e o 16 de decembro de 1981 pronuncia unha conferencia en que lle amosa sentida admiración e onde repasa a travesía intelectual e o maxisterio do filólogo ferrolán.

Duración: 47'31''
Sinatura: NCFE_0186.
Fondo:Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






Ramón Otero Pedrayo




No marco das xornadas oterianas celebradas na Facultade de Filoloxía da USC, o 25 de outubro de 1996, Fernández del Riego diserta sobre a figura de Ramón Otero Pedrayo. Debúxao como “o xeógrafo e historiador da cultura, o único que chegou a unha interpretación unitaria e coherente da nosa terra e do seu espírito. Afonda en tres grandes temas do polígrafo ourensán: Ensaio histórico sobre a cultura galega, o estudo da paisaxe galega e Adrián Solovio.

Duración: 38'51''
Sinatura: ACAT00231_01.
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.






Antón Losada Diéguez




No ano 1985, o Día das Letras Galegas homenaxea a Antón Losada Diéguez, figura fundamental do galeguismo do primeiro terzo do século XX. O 3 de maio, Fernández del Riego réndelle homenaxe con esta conferencia, na sede de Caixa Galicia de Ferrol, na que fai un percorrido exhaustivo pola súa vida, pola xeración Nós e destaca a súa importante contribución intelectual e a fonda influencia que Losada Diéguez exerce para acadar unha conciencia galeguista.

Duración: 36'54''
Sinatura: NCFE_0496
Fondo: Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG