Especial

Trigonometría: medindo o mundo con triángulos

A Real Academia Galega de Ciencias nomeou o matemático, astrónomo e político José Rodríguez González Científico Galego do ano 2024. En palabras do tribunal que o examinou para catedrático, sendo só un bacharel, tratouse dun “daqueles xenios que de raro en raro forma a Providencia para os coñecementos sublimes”.

Un dos logros cos que asentou o seu recoñecemento internacional foi a demostración definitiva de que a Terra estaba achatada polos polos, corroborando a teoría de Newton. Antes, xa nos deixara un legado esencial: o sistema métrico decimal, desenvolvido despois de que Rodriguez participase nunha medición fundamental para o establecemento do metro como unidade de medida de lonxitude.

Isto tivo lugar na expedición proxectada para prolongar o arco do meridiano de París e na que por primeira vez se mediu un gran triángulo xeodésico sobre o mar. De aí que nos parecese interesante dedicar este especial de Proxector á trigonometría, o estudo das medicións que pode levarte á Lúa ou conseguir que tires unha boa fotografía.

En Galicia, José Rodríguez González situou o quilómetro cero en Lalín, máis concretamente na parroquia de Bermés.
Vídeos

A medición da liña costeira

Vídeo didáctico (2´ 01´´) no que María Sanmartín Cabanas, alumna de 3º curso da ESO do IES As Bizocas (O Grove), che explica cales son as dificultades que deben afrontar os cartógrafos á hora de medir a liña costeira, así como as principais variables que inflúen no resultado.
Esta peza foi unha das gañadoras do concurso "Explícoche matemáticas 2.0", na edición de 2019.

A piña de Regiomontano

A que distancia se ten que situar unha persoa para que o ángulo de visión dunha estatua sexa máximo? Este foi basicamente o problema formulado polo matemático alemán Johann Müller Regiomontano, considerado o creador da trigonometría. Neste vídeo didáctico (2´ ) Aroa Ríos Torres, Sandra Vázquez Silva e Nerea Iglesias Espiño, alumnas do IES Antón Losada da Estrada, axúdanche a resolver este problema de maximización tomando como punto de referencia o monumento ao labrego da parroquia estradense de Lagartóns.
Esta peza conseguiu unha mención especial no concurso "Explícoche matemáticas 2.0", na edición de 2017.

A que altura está o ceo?

Vídeo divulgativo (1h 29´) coa charla impartida por Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo no Departamento de Física Aplicada da USC, no IES Chano Piñeiro de Forcarei o 3 de decembro de 2020. Na súa exposición achéganos as claves para poder responder unhas das preguntas que o ser humano acustuma facer de xeito recorrente ao longo da historia: "a que altura está o ceo?".

Como calcular o tamaño da terra

Vídeo didáctico (2´ 27´´) no que Aarón Vilariño, alumno do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela, che explica como podes calcular o tamaño da terra co mesmo método que usou Eratóstenes no ano 200 a.C. Ti só precisas un metro, unha calculadora, un teléfono móbil e mais un pau; e agardar ao 21 de xuño ás 12 h do mediodía.
Esta foi unha das pezas gañadoras do concurso "Explícoche matemáticas 2.0", na edición de 2018.

Introdución á trigonometría

Vídeo didáctico (19´ 38´´) elaborado por Suso Martínez, profesor de Matemáticas no ensino medio, no que atoparás unha introdución á trigonometría. Nesta lección explica como se definen as razóns trigonométricas, como utilizar as fórmulas trigonométricas e que son as funcións arco.

Medidas de distancia no Universo. Canto é un ano luz? E un parsec?

Vídeo de divulgación científica (5´ 27´´) no que Xabier Pérez Couto nos presenta as tres unidades máis empregadas para medir distancias no Universo: a unidade astronómica (empregada na medición de órbitas e traxectorias dentro do sistema solar), o ano luz (para medir distancias entre estrelas) e o parsec (unha unidade aínda maior, equivalente a 3.26 anos luz).
Esta peza foi difundida na canle AstroXabi, creada para a divulgación de conceptos básicos de astronomía.

Navegación astronómica II: o problema da lonxitude

Xa coñeces o vídeo no que Xabier Pérez Couto nos fala dos diferentes métodos e instrumentos para calcular a latitude dun determinado lugar a partir das estrelas? Se é así, estás preparado/a para ver esta segunda parte (8´ 02´´) e descubrir como resolveu a ciencia o problema da determinación da lonxitude en alta mar.

O tamaño si que importa

Charla divulgativa (23´ 06´´) na que Elena Vázquez Abal, profesora do departamento de Xeometría e Topoloxía da USC, nos demostra que a percepción que temos do tamaño das cousas é equivocada.

A intervención tivo lugar en abril de 2016 en Santiago de Compostela, no transcurso da I Edición de Minicharlas Cientíticas, organizadas pola Comunidade Campus Científicos.

Por que disparamos á Lúa?

Vídeo de divulgación científica (4´ 25´´) , integrado na canle de Youtube “O Son das Ideas”, no que descubrirás por que hai científicos que levan máis de 50 anos disparando raios láser contra a superficie lunar para intentar medir a distancia entre a Terra e a Lúa coa maior precisión posible.

Regra e compás

Vídeo didáctico (2´). A regra e o compás son útiles xeométricos anteriores incluso á época de Euclides. Porén, aínda que son instrumentos tan antigos e facemos uso deles moi a cotío, moita xente non coñece a cantidade de operacións que se poden facer con eles. Partindo de dous puntos con distancia unidade trátase de construír calquera lonxitude enteira ou racional, ademais das raíces cadradas sucesivas destas. O vídeo pretende, polo tanto, poñer de manifesto a utilidade matemática dunha cuestión tan simple como é a construción da regra e o compás.

A peza foi elaborada por Juan I. Bedoya, Sebastián Buedo e Daniel Cao (estudantes de 4º curso do grao de Matemáticas da USC) e presentada ao concurso "Explícoche Matemáticas 2.0", na edición que tivo lugar no curso 2014-2015.

Este recurso foi incorporado a Proxector por Xerardo Casal Urcera.

Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría

Vídeo didáctico (2´ 07´´) no que descubrirás algúns dos usos das matemáticas na nosa vida cotiá. En concreto, aprenderás como podes calcular a altura dunha das árbores do teu xardín (neste caso un ciprés) usando como axuda un teodolito (instrumento de precisión usado para medir ángulos horizontais e verticais) e mais os teus coñecementos de trigonometría.
Este traballo, autoría de Francisco Estévez e Paula Mourille (estudantes de 4º da ESO no IES Celenova Celso Emilio Ferreiro) foi un dos premiados na edición de 2019 do concurso "Explícoche matemáticas 2.0".

Viaxe de París a San Francisco

Vídeo didáctico (2' 19'') no que Andrea Vilar Álvarez, estudante de 3º curso do grao de Matemáticas da USC, nos convida a realizar unha viaxe de París a San Francisco, primeiro dun xeito euclidiano e intuitivo e máis tarde, describindo unha xeodésica. A maiores, tamén nos fala brevemente do teorema Egregium de Gauss e da súa influencia na representación da superficie terrestre nun plano.

Trátase dunha das pezas gañadoras do concurso "Explícoche matemáticas 2.0", na edición de 2016.