Difusión - Andrés Martínez Salazar. Mércores, 4 de outubro de 2023

Andrés Martínez Salazar

Álbum de Galicia

Andrés Martínez Salazar

Representante do rexionalismo cultural e impulsor do rexurdimento literario galego

Mércores, 4 de outubro de 2023
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Andrés Martínez Salazar

Representante do rexionalismo cultural e impulsor do rexurdimento literario galego

consellodacultura.gal

Andrés Martínez Salazar

Álbum de Galicia

Editor, arquiveiro e historiador, Andrés Martínez Salazar (Astorga,1846 - A Coruña, 1923) foi unha das principais figuras do rexionalismo galego, sobre todo no campo da cultura e como impulsor do rexurdimento literario do país. A súa entrada, que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG), foi elaborada por Alfonso Mato.
Andrés Martínez Salazar foi unha persoa das persoas máis sobranceiras da cidade da Coruña, onde pertenceu a numerosas corporacións culturais, sociais e políticas. Explica Alfonso Mato na súa entrada que “foi membro do faladoiro rexionalista liberal da Cova Céltica e un dos fundadores da Sociedad del Folklore Gallego. Sociedad del Popular Saber de Galicia (1883)” e tamén da Real Academia Galega (1905), na que exerceu como tesoureiro (1905-1923) e como presidente tralo pasamento de Murguía en 1923. Pertenceu tamén ás Irmandades da Fala, dirixente do Partido Republicano Federal, á Liga Gallega da Coruña (1897).

A entrada destaca tamén o seu labor como editor. “En 1884, Martínez Salazar adquiriu a libraría de Enrique Gil, situada no número 16 da rúa Rego de Auga, na Coruña. Nela habilitou unha sala de lectura á que acudían numerosos escritores locais e forasteiros formando un animado faladoiro” explica. Un ano despois, en 1885, iniciou o seu labor como editor coa fundación, xunto a Juan Fernández Latorre, propietario e director de La Voz de Galicia, da Biblioteca Gallega, un ambicioso proxecto editorial que tiña como obxectivo dar a coñecer ao público as mellores obras, tanto novas como xa editadas, do Rexurdimento literario galego. Un proxecto que acabaría rematando en solitario, que sacou do prelo 52 volumes, a maioría en castelán, aínda que editaron oito libros de poemas e tres de narrativa, máis dous poemarios bilingües. Foi tamén editor e director de Galicia. Revista Regional (A Coruña, 1887-1889; 1892-1893), publicación de carácter cultural (aínda que non falta de textos de afirmación rexionalista), na que se trataban preferentemente temas de historia e folclore de Galicia, agricultura, emigración, construción naval, comunicación, crítica literaria, etc., e na que participaron escritores como Murguía, Curros, Pardo Bazán, Benito Losada, entre moitos outros. O seu labor editorial foi moito máis alá, editou trece publicacións máis: oito libros, dous fascículos, un folleto e dous volumes do Portafolio de Galicia.

Alfonso Mato tamén destaca no texto a súa faceta de historiador, xa que, xunto con Murguía, López Ferreiro, Villaamil y Castro, entre outros, formou parte do grupo hexemónico na historiografía galega do último terzo do século XIX e comezos do XX, precursores da profesionalización historiográfica.

A súa entrada enriquécese con artigos e documentos que permiten profundar na súa figura.


Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.

As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.
 
Difusión
Álbum de Galicia
Andrés Martínez Salazar
Representante do rexionalismo cultural e impulsor do rexurdimento literario galego
Data de publicación
Mércores, 4 de outubro de 2023
Onde
consellodacultura.gal
Lugar

consellodacultura.gal

Autoría
Alfonso Mato
Obxeto de estudo
Andrés Martínez Salazar