En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
No día en que Manuel María (Outeiro de Rei, 1929- A Coruña, 2004) cumpriría 94 anos, a súa biografía entra no Álbum de Galicia. É unha referencia imprescindible no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática. A súa entrada foi elaborada por Alberte Ansede, presidente da fundación que leva o nome do intelectual.
Manuel María Fernández Teixeiro naceu o 6 de outubro de 1929 en Outeiro de Rei (Lugo) lugar que o marcaría profundamente. A entrada destaca o seu carácter inquieto e desacougante que o levou, con só 19 anos, a impartir a súa primeira conferencia no Círculo das Artes de Lugo e, con 23, a “ter escritos nada menos que oito libros de versos, que mostran unha notábel vocación literaria e unha grande habilidade para levar á escrita un mundo interior moi rico marcado polo desacougo persoal que lle provocan as contradicións familiares, o desengano relixioso, o falecemento do seu irmán máis novo nun accidente e mesmo a temática amorosa” explica a entrada.
Alberte Ansede destaca o cambio que se produce nel en 1956, cando coñece a Saleta Goi e coa que casa tres anos despois. Superada unha atmosfera de pesimismo, incomprensión e soidade, continúa coa súa escrita e medra a súa vocación política. “Fixo parte, xuntamente con Saleta, da Unión do Povo Galego tan axiña como este partido se funda en 1964. Tamén isto se vai reflectir na súa obra, ao se sentir conscientemente parte dun proxecto de liberación non só do franquismo, mais tamén da función dependente e subordinada de Galiza a respecto do Estado español” .
Con Os soños na gaiola (1968), abriu o xénero poético para cativos e tivo unha grande difusión tanto no ámbito familiar e escolar. Por non contar as múltiplas composicións musicais que se teñen feito sobre os seus poemas. Volveo sobre o xénero con As rúas do vento ceibe (1979) pero máis destinado á rapazada urbana.
Na década dos setenta mantivo unha actividade frenética tanto no plano creativo como no activismo cultural e político: oito libros de poemas, oito obras teatrais, dous libros de relatos, numerosas colaboracións xornalísticas. Neste tempo dirixiu tamén a editorial Xistral, en que se publican cinco libros, alén de protagonizar numerosos actos culturais e participar nas actividades políticas.
Na entrada, Alberte Ansede destaca que a súa ampla obra “ocupa toda a segunda metade do século XX e tórnase a máis completa e mellor crónica literaria do esforzo do pobo galego por tomar as rendas do seu destino e normalizar a súa lingua e cultura”. Nesa intención por normalizar a escrita literaria cultivou amplamente todos os xéneros literarios, chegas no teatro, na narrativa, no ensaio e nas colaboracións xornalísticas que superan as 1.500. Todos eles méritos polos que ingresou na Real Academia Galega en 2003.
A súa entrada enriquécese con numerosa documentación, entrevistas e imaxes que permiten profundar na súa figura.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.
As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.