Pencha Santasmarinas

Álbum de Galicia

Pencha Santasmarinas

Mércores, 13 de marzo de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Pencha Santasmarinas

consellodacultura.gal

Pencha Santasmarinas

Álbum de Galicia

Pencha Santasmarinas (Santiago de Compostela, 1943–2019) dedicou a súa traxectoria vital e profesional ao servizo público. Foi unha activa militante a prol da defensa do territorio, do mar e dos dereitos das mulleres, un ámbito en que loitou por mellorar as condicións de vida de mariscadoras e redeiras. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é da autoría de Encarna Otero.
Nada en Santiago de Compostela, Pencha Santasmarinas estudou Maxisterio e, posteriormente, formouse na Escuela de Instructoras Rurales de Aranjuez. Na súa educación “déixase ver, desde os inicios, unha nidia vocación de servidora pública”, subliña Encarna Otero, unha vocación que se trasladou á súa traxectoria profesional. Así, en 1968 aprobou a praza de axente de economía doméstica nos Servizos de Extensión Agraria con destino no municipio lucense de Viveiro, pero en 1993 solicitou o traslado á Área de Extensión Pesqueira da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, situada en Santiago de Compostela. “O mar e o marisqueo serán entón as actividades nas que Pencha centre a súa actividade laboral”, continúa a autora da súa biografía.

Ademais do seu traballo como funcionaria pública, cómpre destacar a súa militancia política no nacionalismo e a súa implicación en distintas agrupacións, como os Comités de Axuda á Loita Labrega ou a Asociación Cultural Sementeira de Viveiro. Entre os anos 1976 e 1977, foi “unha das dirixentes sociais nas loitas e mobilizacións contra a central nuclear de Xove” e, en 1982, participou “activamente nas mobilizacións contra os vertidos nucleares na fosa atlántica”, indica Encarna Otero.

Pencha Santasmarinas desenvolveu tamén diferentes accións para conseguir mellorar as condicións laborais das traballadoras do mar. Xunto coa organización do I Encontro de Mulleres Mariscadoras (1995) en Vilagarcía, promoveu outros para concienciar as mariscadoras da necesidade de profesionalizarse como traballadoras “cun oficio, cunha formación, cun salario recoñecido e cotizante na Seguridade Social”, prosigue Otero. Este labor na procura de dereitos e recoñecemento laboral ampliouse ás redeiras, que, “por iniciativa de Pencha, se asociaron” e conseguiron “dignificar e visibilizar un traballo imprescindíbel, feito maioritariamente por mulleres, para a pesca”. Arredor da situación das mariscadoras galegas e sobre o seu proceso de profesionalización, Pencha Santasmarinas escribiu varios artigos na Revista Galega de Economía e mais en Andaina. Revista do Movemento Feminista Galego, na que tamén abordou a discriminación sexista que se daba no Servizo de Extensión Agraria para o que traballaba. Estas publicacións inclúense como parte dos materiais complementarios da súa entrada no Álbum de Galicia.

No ano 2010, recibiu a Medalla Castelao como recoñecemento á súa actividade profesional e de servizo público.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as do Colectivo María Castaña, a do poeta e musicólogo Emilio Pita, a do artista Xosé Conde Corbal e a da actriz Fely Manzano.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.
 
Difusión.
Álbum de Galicia
Pencha Santasmarinas
Data de publicación
Mércores, 13 de marzo de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Encarna Otero
Obxeto de estudo
Pencha Santasmarinas