Airiños

Difusión. Repertorio da prensa da emigración galega

Airiños

Revista de la Asociación de la Casa de Galicia de Buenos Aires

Xoves, 21 de marzo de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Repertorio da prensa da emigración galega

Airiños

Revista de la Asociación de la Casa de Galicia de Buenos Aires

consellodacultura.gal

Airiños

Repertorio da prensa da emigración galega

A cabeceira Airiños foi o voceiro da asociación Casa de Galicia de Buenos Aires. Editada na capital da Arxentina, tiña como obxectivo informar sobre as actividades da institución editora. Tamén incluía colaboracións de tipo literario e cultural. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de marzo catorce números da cabeceira publicados entre 1944 e 1955, mais un número extraordinario editado para conmemorar o 50º aniversario da asociación.
No ano 1944, a Casa de Galicia de Buenos Aires comezou a editar a revista Airiños para informar sobre diversos aspectos relacionados coa institución (convocatorias de asembleas, renovación da comisión directiva, memorias e balances económicos, etc.) e coas actividades que esta organizaba. Ademais do carácter informativo, a cabeceira destacaba tamén pola súa orientación cultural. Así, incorporaba colaboracións de importantes personalidades que, a través dos seus artigos, afondaban na historia, na xeografía, na literatura ou nos costumes propios de Galicia, ao tempo que achegaban a influencia que estes tiveran en América. Entre as súas páxinas tamén se incluían relatos e numerosas poesías. Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor, Francisco Fernández del Riego, Julio Sigüenza, Rodolfo Prada ou Wenceslao Fernández Flórez foron algúns dos nomes que integraron a lista de colaboradores da publicación.


Malia que en varios destes escritos literarios se empregaba o galego, o castelán era o idioma predominante da cabeceira. De periodicidade irregular e cunha extensión que variaba entre as corenta e as oitenta páxinas, a partir do número 14 cambiou de formato para adoptar o estilo dun xornal. Entre as transformacións levadas a cabo, reduciu o número de páxinas a oito e suprimiu o subtítulo Revista de la Asociación Casa de Galicia de Buenos Aires para pasar a editarse unicamente como Airiños.

En todos os números se observa unha presenza abundante de ilustracións, sobre todo imaxes dos actos sociais organizados pola asociación, retratos de personalidades galegas e fotografías evocadoras das paisaxes e dos costumes propios de Galicia. A publicidade, tamén moi numerosa e variada, incluía anuncios de bancos e compañías de navegación, de produtos de consumo e de empresas comerciais (bazares, almacéns, hoteis etc.).


Os quince exemplares que se suman ao Repertorio da prensa da emigración galegaz corresponden a catorce números de Airiños difundidos entre 1944 e 1955 e á publicación extraordinaria que se divulgou no ano 1983 con motivo da conmemoración do 50º aniversario da asociación editora.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.


 
Difusión.
Repertorio da prensa da emigración galega
Airiños
Revista de la Asociación de la Casa de Galicia de Buenos Aires
Data de publicación
Xoves, 21 de marzo de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)