María Xosé Rouco Lamela

Álbum de Galicia

María Xosé Rouco Lamela

Mércores, 3 de abril de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

María Xosé Rouco Lamela

consellodacultura.gal

María Xosé Rouco Lamela

Álbum de Galicia

María Xosé Rouco Lamela (Vilalba, 1952 – Lugo, 2020) destacou polo seu labor pioneiro a prol da defensa dos dereitos das mulleres. Foi unha das impulsoras da Asociación Democrática da Muller Galega e a fundadora da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo. Cunha traxectoria profesional vinculada á atención do negocio familiar Calzados Camba en Lugo, ocupou tamén o cargo de vogal da directiva da Cámara de Comercio da cidade. No ronsel do 72º aniversario do seu nacemento, a súa entrada incorpórase ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Asina o texto Luz Darriba.
Nada en Vilalba, María Xosé Rouco Lamela, máis coñecida como Pepa ou Pepiña entre as súas amizades, cursou a educación primaria no municipio chairego. Con once anos mudouse con súa nai a Lugo para ampliar o negocio que a familia puxera en marcha en Vilalba, a tenda de zapatos Calzados Camba. Tras estudar na Escola de Comercio e trasladarse posteriormente á Coruña para facer Empresariais, regresou a Lugo. Alí traballou na zapatería da rúa da Raíña coa súa nai ata que esta volveu para Vilalba a coidar do home, momento en que María Xosé se puxo á fronte de Calzados Camba. Reformou a tenda e instalou no entresollado “unha fermosa e moi contemporánea galería de arte”, que albergou, por exemplo, unha mostra de esculturas do artista lugués Paco Pestana, afirma Luz Darriba na súa entrada do Álbum de Galicia.

En novembro de 1977, María Xosé Rouco xunto coa súa amiga Maribel Lugilde e outras compañeiras crearon a Asociación Democrática da Muller Galega, “unha das primeiras organizacións feministas do país”, explica a autora da súa biografía. “As actuacións deste grupo tiveron lugar durante varios anos, opinaron nos medios sobre a que sería a tan discutida e desexada lei do divorcio e outras cuestións que atinxían ás mulleres, como solicitar que a Xunta crease unha Secretaría da Muller”, continúa. Ademais, fundou a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) en 1988, da que foi presidenta ata 2004, e ocupou a vogalía da directiva da Cámara de Comercio de Lugo. “É importante subliñar que con esta asociación tamén se estaban a resgardar os dereitos das mulleres, neste caso os das mulleres empresarias, donas xeralmente de pequenos negocios que contribuían enormemente á economía local da cidade”, indica Luz Darriba. Así mesmo, colaborou coa agrupación feminista Donas de Nós, creada en 1997, e cuxas integrantes se reunían no local que por aquel entón Calzados Camba tiña na praza de Santo Domingo.

Quen compartiu tempo e andainas con María Xosé Rouco lémbraa como “unha persoa que amaba profundamente a vida”. Destacan dela, tal e como recolle a autora da entrada no Álbum de Galicia, o seu “carácter extraordinario”, a “enorme e proverbial xenerosidade” que tiña, o compromiso “coas cousas importantes que podían modificar para ben os destinos doutra xente” e a súa habilidade para “acadar aqueles obxectivos de carácter social que ela consideraba importantes”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de Blanca Jiménez Alonso, Cruz Comesaña, Pencha Santasmarinas e a actualización da biografía de Manuela Rey González.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
 
Difusión.
Álbum de Galicia
María Xosé Rouco Lamela
Data de publicación
Mércores, 3 de abril de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Luz Darriba
Obxeto de estudo
María Xosé Rouco Lamela