Difusión - Nas ás do canto. Xoves, 14 de decembro de 2023

Nas ás do canto

Centenario de Manuel Murguía Difusión

Nas ás do canto

Música e identidade no Rexurdimento

Xoves, 14 de decembro de 2023
consellodacultura.gal
Difusión
Centenario de Manuel Murguía

Nas ás do canto

Música e identidade no Rexurdimento

consellodacultura.gal

Nas ás do canto

Centenario de Manuel Murguía

Nas ás do canto é o título do proxecto co que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe a festexar o centenario de Manuel Murguía (Arteixo, 1833- A Coruña, 1923), figura sobranceira do Rexurdimento. Unha iniciativa que ofrece documentos e recursos musicais para amosar a importancia da unión entre música e literatura neste período destacado para a cultura galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con ensaísta Xurxo Martínez e a musicóloga Margarita Viso presentaron na tarde deste xoves un especial web que deita na rede, entre outros contidos, un repertorio de voz e piano en galego. Rosario Álvarez sinalou que este material permite “afondar no contexto decimonónico en que nace a canción lírica galega contemporánea” ao tempo que amosa que “o Rexurdimento foi moito máis que literatura” segundo apuntou Xurxo Martínez. A presentación do proxecto, cuxos contidos se editarán en forma de libro, estivo acompañada dun concerto no que se interpretaron cinco das pezas musicais incluídas no proxecto.
“Un dos obxectivos do Rexurdimento era converter o estigma en estima: lingua, costumes, música, paisaxe, tradicións, monumentos, persoeiros históricos, pasado político… Rehabilitar o país ante e para os seus habitantes; en consecuencia, tornalos conscientes de seren pobo galego” explica o ensaísta, poeta e narrador Xurxo Martínez, quen quixo destacar a importancia de entender o Rexurdimento en sentido amplo. “Non foi só no ámbito literario, senón que o primeiro foi musical, xa que naquel momento a xente non sabía ler e foi a través da música e cantando como se foron transmitindo ideas, literatura, sentimentos...foi o vehículo de popularización da literatura galega” apuntou Martínez.

Nesa idea incide a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou que foi un período crucial para a “historia da lingua, e non só polo prestixio da escrita e da publicación de obras debidas ao xenio de personalidades relevantes na sociedade culta da época, senón pola aparición das primeiras gramáticas e dicionarios”.

Pola súa parte, a musicóloga Margarita Viso fixo unha análise do nacemento e desenvolvemento da canción lírica galega, da relación entre o texto e a música folclórica galega e a tradición medieval.

O proxecto complétase cunha selección de catorce cancións para mostrar a diversidade, calidade e o vigor compositivo desta etapa cunha interpretación está ao cargo da soprano rusa Anna Mélikhova (San Petersburgo, 1985) e do pianista Martín Manuel Chaves Fraga (Santiago de Compostela, 1999). No repertorio que se pode escoitar na rede están "Ondas do mar de Vigo", con letra e música de Martin Codax (con arranxo de Tafall); "Os teus ollos", con letra de Curros e Música de Chané; "Maio longo" con letra de Rosalía e música de Baldomir, "Soedades", popular e música de Marcial del Adalid; "Meus amores", letra de Salvador Golpe e música de Baldomir; "Os pinos", letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga, entre outras cancións.

A versión web inclúe tamén ligazóns ás biografías de compositores e de poetas no Álbum de Galicia. Nas vindeiras semanas editarase en papel, en formato libro.

O concerto
Na presentación do especial web tivo lugar un concerto a cargo da soprano Anna Mélikhova e do pianista Alejo Amoedo, que ofreceron unha escolma de cinco cancións das que se recollen no especial. Son “Soedades”, con letra popular e música de Marcial del Adalid; “Cántiga con letra”, de Curros Enríquez e música de José Castro "Chané"; “Meus amores”, con letra de Salvador Golpe e música de Xosé Baldomir; “Maio longo”, coa letra de Rosalía de Castro e música de Xosé Baldomir; e, para pechar, o texto do homenaxeado este ano, Manuel Murguía, “Nena das soledades” con música de José Fernández Vide.
 
Difusión
Centenario de Manuel Murguía
Nas ás do canto
Música e identidade no Rexurdimento
Data de publicación
Xoves, 14 de decembro de 2023
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)
Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)