O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimestral e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro. Cada dous meses, presentaremos unha nova conferencia do noso fondo que permitirá coñecer o acervo musical do país da man dos seus máis grandes expertos.
Cada dous meses, o proxecto Caligrafías musicais recupera unha conferencia dun experto ao redor dun tema musical galego. Desta volta, unha charla do recoñecido musicólogo José López-Calo sobre as orixes do coralismo.
López-Calo, un dos expertos musicais galegos de máis sona e impacto internacional, impartiu esta conferencia na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Ferrol en abril de 1986. A súa intervención explica as fases da orixe do coralismo galego e a súa independencia do movemento coralista catalán. Nesta charla dunha hora de duación, Calo fixa a data de inicio do coro nos Xogos Frorais de xullo de 1861 e vincula o seu nacemento co nacionalismo e o romanticismo do século XIX e como resultado do movemento cultural da Ilustración.