En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
A José Torres Creo (Pontecesures, 1874 – Vigo, 1939) debémoslle a composición de O sol da primaveira (tamén coñecida como Alborada), Mozos e mozas, San Campio e O Neno Xesús, presentes nos repertorios de múltiples orfeóns e corais, ademáis de formar parte do catálogo clásico da música coral galega. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é da autoría de Pablo Abreu Fernández.
A biografía e a personalidade de José Torres Creo está marcada por unha fonda relación coa igrexa, tal e como explica Pablo Abreu Fernández na entrada biográfica que xa se pode consultar no web do Consello da Cultura Galega. Para o autor e estudoso da súa figura “a súa obra musical está profundamente vencellada ao pensamento rexionalista, que inundaba as aulas dos seminarios de Santiago e Tui, que foi onde se formou tanto musical como humanamente”.
A entrada fai un percorrido pola súa biografía que leva a este neno nado en Pontecesures a ingresar no coro da Catedral de Santiago con dez anos, onde foi alumno do mestre de capela Juan Apóstol Trallero Palmer e do organista Santiago Tafall Abad. Foi unha etapa intensa musical e persoalmente na que coñeceu aos violinistas Hilario Courtier, Eduardo Dorado, Manuel Valverde, José Gómez “Curros”, ao clarinetista Ángel Brage Brage (pai dos pianistas Luis e Ángel Brage Villar), ao violonchelista José Basadre (posteriormente organista de Tui) e tivo como compañeiro de coro a Luís Taibo García, recoñecido compositor e médico santiagués. Sete anos despois trasládase a Tui como organista substituto. Unha estadía na que fai moitas amizades entre as que destaca o bispo e arcebispo Manuel Lago González e inicia o seu traballo como compositor. Alí participa nos Xogos Florais que se desenvolven na localidade organizados polo Comité Central Regionalista, con Murguía como presidente e Brañas de vicepresidente. En 1892 trasládase a Vigo, onde se asenta definitivamente.
Na cidade olívica crea unha capela musical denominada Capela Torres Creo, coa que actuará en funcións relixiosas de toda a provincia ao longo da súa vida e perdurará, despois do seu pasamento, ata principios da década de 1960 baixo a dirección do seu sucesor Marino Gutiérrez Robles. En paralelo tamén imparte clases de piano.
“A súa importancia na vida musical viguesa vaise ver reflectida nas dúas homenaxes que recibe, unha en 1929 por parte da Agrupación Dramática Gallega e outra en 1932 pola sociedade Agrupación Artística de Vigo” apúntase desde a súa entrada no Álbum.
Pablo Abreu destaca na súa entrada que “os riscos estilísticos de Torres Creo definen un canon que podemos atopar na obra de compositores contemporáneos como Francisco R. Núñez, José Iglesias Sánchez, Ángel Rodulfo ou posteriores como Rogelio Groba”.
Torres Creo morre en Vigo, en outubro de 1939, á idade de sesenta e cinco anos.