Difusión - Cando o pobo fai fesfa. Martes, 11 de febreiro de 2025

Cando o pobo fai fesfa

Proxector Difusión

Cando o pobo fai fesfa

Celebracións e patrimonio inmaterial

Martes, 11 de febreiro de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Cando o pobo fai fesfa

Celebracións e patrimonio inmaterial

consellodacultura.gal

Cando o pobo fai fesfa

Proxector

Antroido, entroiro, entruido, entrudio... son moitas as formas para designar a unha das manifestacións máis sobranceiras do noso patrimonio cultural inmaterial: o entroido tradicional. A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), escolma este mes unha ducia de vídeos para achegarse ás diferentes formas de celebración baixo o título “Cando o pobo vai de festa: celebracións e patrimonio inmaterial”.
“Ao longo deste mes de febreiro e ata pasada a primeira semana de marzo de 2025, peliqueiros, cigarróns, pantallas, felos, boteiros, troteiros, volantes, madamas ou choqueiros percorrerán vilas e aldeas do país para convidarnos a gozar desta festa ancestral antes de que a Coresma marque os seus ritmos de contención” explica a introdución desta entrega. Arrinca cun vídeo divulgativo da iniciativa Ponte... nas Ondas! (PNO) que aborda os diferentes elementos do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués: entroido, lendas, refráns, contos, recitados, magosto, regueifas, xogos tradicionais, danza, vendima, fiadeiros, oficios tradicionais. Outro vídeo, elaborado polo IES Daviña Rei de Monforte de Lemos, descobre as características e as singularidades das principais máscaras do Entroido tradicional galego. Sobre a denominación tamén hai un vídeo, protagonizado por Antón Santamarina, que explica cales son as cinco formas que ten o idioma galego para se referir ao "entroido".

Os maios, a auga de San Xoán, as lendas do Samaín ou a figura mitolóxica do Apalpador, máis os cantos e cantares, outras formas de celebración tradicional, son tamén obxectos de diferentes vídeos que se incorporan nesta entrega. Canda a eles tamén hai un do antropólogo Rafael Quintiá sobre a foliada, manifestación musical, festiva e popular específica de Galicia na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional. Destaca o obradoiro de regueifa e un vídeo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) titulado “tesouros humanos vivos”, que falas dos individuos ou grupos que teñen as habilidades para crear, producir ou reproducir elementos das tradicións sendo testemuñas das tradicións culturais vivas no seu territorio.

Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión
Proxector
Cando o pobo fai fesfa
Celebracións e patrimonio inmaterial
Data de publicación
Martes, 11 de febreiro de 2025
Onde
consellodacultura.gal