Cando o pobo fai festa: celebracións e patrimonio inmaterial

O Entroido tradicional galego (celebración á que tamén fan alusión as formas antroido, entroiro, entruido ou entrudio) é unha das manifestacións máis sobranceiras do noso patrimonio cultural inmaterial. Ao longo deste mes de febreiro e ata pasada a primeira semana de marzo de 2025, peliqueiros, cigarróns, pantallas, felos, boteiros, troteiros, volantes, madamas ou choqueiros percorrerán vilas e aldeas do país para convidarnos a gozar desta festa ancestral antes de que a Coresma marque os seus ritmos de contención.

Xunto co Entroido, un amplo abano de manifestacións lúdicas e culturais (lendas, refráns, contos, recitados, festas cíclicas, regueifas, xogos tradicionais, danzas... e mais un idioma milenario) constitúen un tesouro intanxible construído de xeito colectivo polo pobo galego. Desde Proxector achegámosvos unha pequena mostra dese valioso legado que temos a honra de herdar e o compromiso de preservar, para que o poidan seguir celebrando as xeracións que virán.

Imaxe da portada obtida de Prol, Iria: Entroido ilustrado.

O patrimonio cultural inmaterial

Vídeo divulgativo (1´ 43´´) elaborado por Ronsel de Ideas no marco da presentación da iniciativa Ponte... nas Ondas! (PNO) á lista de Mellores Prácticas da UNESCO, no que nos explican que é o patrimonio cultural inmaterial.

A peza forma parte da serie “25 Pontes”, onde atoparás pílulas audiovisuais relacionadas cos diferentes elementos do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués (Entroido, lendas, refráns, contos, recitados, magosto, regueifas, xogos tradicionais, danza, vendima, fiadeiros, oficios tradicionais…).

As máscaras do Entroido

En xaneiro de 2024 a Xunta de Galicia iniciou o procedemento para declarar o Entroido Ben de Interese Cultural (BIC) na modalidade de patrimonio inmaterial, quedando deste xeito protexido en base ao seu interese etnolóxico, á súa función social e á súa riqueza cultural e patrimonial. Neste vídeo divulgativo (6´ 35´´) descubrirás as características e as singularidades das principais máscaras do Entroido tradicional galego.

Esta peza foi elaborada polo IES Daviña Rei (Monforte de Lemos) como recurso didáctico, a partir de fragmentos dun programa de Alalá sobre o Entroido en Galicia emitido na TVG en 2015.

Entroido ou antroido?

Vídeo didáctico (2´ 49´´), pertencente á serie "Pregúntalle á Academia", no que o académico Antón Santamarina nos explica cales son as cinco formas que ten o idioma galego para se referir ao concepto "entroido" (entroido, antroido, entroiro, entruido, entrudio), e por que é a forma entroido a que se recomenda desde o punto de vista normativo.

Os maios

Os maios é unha festa tradicional galega, de orixe ancestral, coa que se lle dá a benvida á primavera, co ánimo de propiciar a obtención de boas colleitas. Claudia Fernández Losada e Eira Losada Fernández cóntannos neste vídeo (4´ 31´´) como se celebra a festa dos maios en Ourense e mais en Noia. No caso de Noia, trasládannos as vivencias de persoas maiores que festexaron os maios cando eran nenas/os, pois na actualidade esta tradición non conta co mesmo arraigo social que segue a ter en Ourense.

Este foi un dos traballos finalistas da primeira edición do certame “Vémolo Nós”, organizado pola USC en 2023, na categoría “Divulgación do coñecemento”.

A auga de San Xoán

A noite do 23 ao 24 de xuño celébrase en Galicia unha festividade de orixe pagana onde a auga e o lume protagonizan os rituais. O grupo de Antropoloxía de 1º de bacharelato do IES A Basella, de Vilanova de Arousa, fálanos neste vídeo (4´ 09´´) da tradición da auga de San Xoán e da súa posible interpretación antropolóxica.

Coñece a orixe e as lendas do Samaín

Samhain era o nome que se lle daba na cultura celta á festa de Defuntos, coa que se festexaba o paso da vida á morte e se anunciaba o remate do verán e do período de recolección. Esta festa tradicional, celebraba desde tempos inmemoriais en Galicia o 31 de outubro para honrar os nosos mortos, revitalizouse nas últimas tres décadas grazas á iniciativa dun colectivo de cidadáns e mestres de Cedeira, que a nomearon co termo de orixe gaélica “Samaín”. Sabías que esta celebración está tamén directamente relacionada co magosto? Descubriralo neste breve vídeo divulgativo (1´ 42´´) elaborado pola Televisión de Galicia.

A difusión da figura mitolóxica do Apalpador

Entre os ritos, crenzas e tradicións culturais do Nadal galego atópase o Apalpador. O antropólogo Rafael Quintía reflexiona neste vídeo divulgativo (3´ 56´´) sobre se é lícito recuperar esta figura mitolóxica, propia do Courel, e estendela por todo o territorio galego.

A peza foi elaborada pola iniciativa Orgullo Galego e está extractada da conversa “Ritos, crenzas e tradicións do Nadal galego”.

A cultura lúdica e musical a través do xogo tradicional. Parte 1

Vídeo didáctico (12´ 28´´) no que Geno Rodríguez, profesor da Área de Didáctica da Expresión Corporal da USC, nos presenta un proxecto didáctico que ten como obxectivo poñer á disposición do alumnado dos graos en Mestre de Educación Primaria e Mestre de Educación Infantil recursos sobre o patrimonio cultural galego a través do xogo tradicional. A seguir, Paco Veiga, mestre de Educación Primaria e membro da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, explícanos que se entende por "xogos populares e tradicionais" e cales son os aspectos culturais vinculados a este tipo de manifestacións lúdicas.

Esta serie pertence á colección didáctica "Pílulas de coñecemento", promovida pola Universidade de Santiago de Compostela. Outros vídeos da serie.

A foliada como Ben de Interese Cultural

A foliada é unha manifestación musical, festiva e popular específica de Galicia na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega. O antropólogo Rafael Quintía expón nesta charla divulgativa (50´ 11´´) en que consistiu o traballo de elaboración do informe para o recoñecemento desta manifestación do noso patrimonio cultural inmaterial como Ben de Interese Cultural (BIC), na actualidade aínda en proceso de tramitación.

A charla tivo lugar en outubro de 2023, no marco das Xornadas do baile comunal, O serán desta aldea... Aboal, organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

Cantos e cantares

Outra das manifestacións lúdicas do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués son os cantos. Neste vídeo divulgativo (2´ 51´´) fálannos das cantigas de transmisión oral, centrándose de xeito especial no "alalá", un canto popular galego lento, interpretado sen acompañamento instrumental, considerado por moitos expertos como a forma máis antiga de música tradicional galega.

A peza foi elaborada por Ronsel de Ideas no marco da presentación da iniciativa Ponte... nas Ondas! (PNO) á lista de Mellores Prácticas da UNESCO.

Obradoiro de regueifa en vídeo

Neste vinculo externo poderas ver
Obradoiro de regueifa en vídeo

Serie de seis pezas audiovisuais de carácter didáctico sobre a regueifa, unha técnica de improvisación en verso característica da nosa tradición oral. Nos vídeos, dirixidos a alumnado de ensino secundario, Luís “O Caruncho” e Pinto D´Herbón explícannos a historia da regueifa e as súas características técnicas, e ensínannos a facer as coplas (coa métrica e os recursos propios da improvisación).

Esta iniciativa desenvolveuse ao abeiro do programa “Obradoiros de regueifa e certame escolar“, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Que son os tesouros humanos vivos?

O “tesouro humano vivo” é unha categoría vinculada ao patrimonio cultural inmaterial da humanidade. Neste breve vídeo didáctico (19´´) a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño) ofrécenos a denominación de “tesouros humanos vivos” presentada pola Unesco na Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural e Inmanterial que se celebrou en 2003 en París.