Difusión - Cantareiras da Vila da Igrexa. Mércores, 19 de febreiro de 2025

Cantareiras da Vila da Igrexa

Álbum de Galicia

Cantareiras da Vila da Igrexa

Mércores, 19 de febreiro de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Cantareiras da Vila da Igrexa

consellodacultura.gal

Cantareiras da Vila da Igrexa

Álbum de Galicia

Adolfina Casás Rama e mais a súa sobriña Rosa foron dúas labregas e cantareiras da Vila da Igrexa (Cerceda). Nunca actuaron para o público xeral, só para familiares e veciñanza, ambas foron entrevistadas por Dorothé Schubarth para o Cancioneiro Popular Galego. Son tamén algunhas das cantareiras recoñecidas neste 2025 co Día das letras Galegas. O Consello da Cultura Galega (CCG), no marco do seu proxecto Álbum de Galicia, acaba de subir a entrada biográfica que recolle o seu legado. Foi escrita por Richi Casás, neto e afillado das cantareiras.
A entrada elaborada por Richi Casás para o Álbum de Galicia explica que tanto Adolfina (1912-2009) coma Rosa (1914-2005) naceron e viviron na Vila da Igrexa (Concello de Cerceda). Tiveron vidas con grandes paralelismos, ambas as dúas foron fillas de solteira, aprenderon a tocar e cantar de man de mulleres da familia, foron labregas e lavandeiras. Foron tamén nais solteiras, Rosa Tivo catro fillos e Adolfina tres e ningún deles seguiu cultivando a música tradicional malia a que aprenderon a cantar, tocar e bailar nas “fuliadas”, como lle chamaban nesta parroquia. A explicación, ofrécea Richi na entrada ao explicar que “a xeración das fillas de Rosa e Adolfina, nacida durante a posguerra, sufriu dous importantes cambios vitais que determinaron un esmorecemento do canto tradicional. Por un lado, a emigración da seguinte xeración ao exterior e ás cidades, coa conseguinte disolución das comunidades rurais que deron orixe ao canto tradicional. Por outro lado, a modernización dos labores agrícolas e da vida doméstica, que remataron con moitos dos contextos nos que se desenvolvían a música e o baile tradicional”.

A pesar dos paralelismos entre as súas vidas, Rosa emigrou ao Reino Unido onde estivo uns quince anos ata a o seu regreso, primeiro á Coruña e logo de volta a Cerceda. Adolfina quedou, pero ambas as dúas foron abandonando o canto. A entrada conta como en 1980, Dorothé Schubart, en pleno proceso de recollida, chega á Vila da Igrexa e contacta con elas. Richi Casás asegura no texto que “Dorothé comenta a gran variedade e orixinalidade das coplas que lles recolleu, pois tanto Rosa como Adolfina eran creadoras de coplas que servían para tratar sobre sucesos e personaxes locais. Dorothé recolleu, ademais de 250 coplas, unha decena de melodías propias, que figuran no Cancioneiro Popular Galego”.

A entrada destácase que nos noventa se volve dar o contexto axeitado para que volvan tocar, cantar e bailar. Richi Casás explica que “a súa habilidade para improvisar letras era coñecida. Se ben non eran regueifeiras como tal, pois non facían a regueifa na forma que coñecemos noutras comarcas, si elaboraban coplas de todo tipo para atinguir situacións ou persoas da súa contorna, así como para defenderse das marmulacións derivadas da súa condición de nais solteiras, ou doutras circunstancias vitais”. Ata ben maiores non tocaron unha pandeireteira “como instrumentistas adaptábanse aos obxectos que tivesen á man para facer un ritmo que acompañase o seu canto. Usaban normalmente instrumentos da cociña” asegura Richi.

A entrada do Álbum está acompañada de documentación, parte dela elaborada por Richi Casás ou por Armando Requeixo; ligazóns con acceso a fontes como o especial das Letras Galegas feito pola Real Academia Galega e vídeos que recollen o seu legado.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 760 entradas, das cales as máis recentes son as de Virxilio Viéitez, Tucho Lagares, Eduardo Lence-Sartar, Avelino Cachafeiro, Lola Ferreiro, Aurora Sampedro ou Jose Luis Pensado Tomé. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.

 
Difusión
Álbum de Galicia
Cantareiras da Vila da Igrexa
Data de publicación
Mércores, 19 de febreiro de 2025
Onde
consellodacultura.gal