Xornada - Acceso á cultura e participación. 26 de marzo de 2025

Acceso á cultura e participación

Acceso á cultura en Galicia 2025

Acceso á cultura e participación

26 de marzo de 2025
Boiro
Xornada
Acceso á cultura en Galicia 2025

Acceso á cultura e participación

26 de marzo de 2025 Boiro
O Consello da Cultura Galega leva desde 2023 traballando especificamente o tema dos dereitos culturais, que nos últimos tempos está a consolidarse como unha corrente que ter moi en conta nas políticas culturais públicas, como proban a creación da Dirección Xeral de Dereitos Culturais do Goberno do Estado, a elaboración en marcha do Plan de Dereitos Culturais estatal e as leis xa aprobadas que regulan esta materia en territorios como Navarra ou as Illas Canarias.

Durante este ano 2025 a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG quere continuar traballando nesta corrente de actualidade co obxectivo de analizar se as políticas culturais galegas están seguindo este «novo paradigma» das políticas públicas.

A forma de facelo será a través de catro xornadas de debate e recollida de información que se desenvolverán de marzo a xuño atendendo a catro perspectivas do dereito de acceso á cultura: o dereito a participar, a perspectiva territorial (nun país con tanta dispersión coma o noso), o acceso e a comunicación e a interseccionalidade.

Destas catro recollidas e dos informes extraídos darase conta nunha xornada de outono na que tentaremos analizar se os dereitos culturais se están a cumprir en Galicia.

RECOLLIDA 1 | ACCESO E PARTICIPACIÓN

Galicia é un país de ampla tradición na cultura comunitaria e participativa, mais a Administración garante o dereito cidadán a participar en cultura? E, se é así, en que medida?

Nesta primeira xornada (recollida de información) analizaremos a participación cidadá en cultura como un estadio desexable do dereito de acceso ao feito cultural, onde as persoas exercen o seu dereito a facer cultura e non só a consumila. Estas prácticas culturais participativas son ademais moi propias da tradición cultural galega que chega aos nosos días, polo que parece lóxico que as políticas culturais que nos atinxen atendan a esta perspectiva.

Para analizar se o dereito a participar se cumpre en Galicia e en que medida, convidaremos ao debate seis proxectos xa consolidados, mediadoras profesionais e o público que queira tomar parte, co obxectivo de obtermos información de primeira man de diversos axentes culturais galegos que posteriormente confluirá nun informe técnico que pretendemos que tamén sexa participativo.