Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia
Álbum de Galicia
Coordinadora Feminista Donicela
Continuidade e unión na loita feminista en Vigo: 14 anos de feminismo de base.
Venres, 7 de marzo de 2025consellodacultura.gal
Difusión
Coordinadora Feminista Donicela
Continuidade e unión na loita feminista en Vigo: 14 anos de feminismo de base.
consellodacultura.galCoordinadora Feminista Donicela
Álbum de GaliciaA Coordinadora Feminista Donicela (CFD) foi un colectivo vigués moi activo na década de 1990. Fomentaron a reflexión sobre a situación das mulleres, facilitaron cursos de formación e encheron numerosos espazos públicos con consignas propias animadas con rimas e músicas extraídas do cancioneiro tradicional ou das cancións máis populares, adaptadas ás reivindicacións feministas do momento. Vinte anos despois da súa disolución, diferentes integrantes do colectivo xuntáronse no grupo de traballo Coordinadora Feminista Donicela. Facendo historia para escribir a entrada do Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), que se sobe na véspera do 8M, Día Internacional das Mulleres. Proxeccións, materiais documentais e novas entradas do álbum completan as accións da institución arredor desta data.
A entrada do álbum permite facer unha síntese da actividade desenvolvida por este colectivo durante os 14 anos de existencia. Naceron en 1990 coa fusión de dous colectivos preexistentes: a Coordinadora Feminista de Vigo (CFV) e o Colectivo de Mulleres Feministas Donicela (CMFD). Conformado por mulleres de procedencias e profesións variadas, na entrada explican que a CFD “ nace das reflexións e debates sobre o pasado, presente e futuro da loita feminista e, máis en particular, do feminismo autónomo defendido por organizacións que, coma nós, puñan o acento na autonomía a respecto de organizacións sindicais, políticas e das institucións”.
Centraron os seus esforzos e propostas específicas na cidade de Vigo e a súa contorna. Funcionaron de maneira asemblearia, sen directiva, sen xerarquías e sen actas. “Os recursos económicos dos que dispuñamos procedían sobre todo das cotas das militantes e simpatizantes” explican na entrada e rexeitaban traballar mediante a sinatura de convenios coas institucións de goberno locais, galegas ou estatais.
Entre as súas numerosas accións das que dá conta a entrada destacan os videofórums, a Tertulia de Mulleres, ou os obradoiros ¡Tira porque che toca!, de Autodefensa para Mulleres ou os Cursos de Coñecemento e Expresión Corporal para Mulleres e un Obradoiro de Escritura Creativa e Autocoñecemento. Tamén destacou o Proxecto Sibila destinado a visibilizar as achegas das mulleres desde tempos pasados ata o presente nos campos da arte e das ciencias, e que finalmente quedou truncado pola continua falta de financiamento.
Outras accións do CCG polo 8M
Este sábado remata na Coruña o ciclo de cinema Olladas de muller cunha sesión de curtametraxes. A iniciativa, realizada en colaboración coa Filmoteca de Galicia, programa audiovisuais que foron producidos ou dirixidos por mulleres.
No marco da efeméride, as entradas do mes de marzo do Álbum de Galicia están dedicadas as mulleres. Ademais das publicadas esta semana, Lola Arribe Dopico e a Coordinadora Feminista Donicela, subiranse este mes as entradas da pintora Aurichu Pereira, da actriz e cantante Mercedes Mariño González, da condensa de Barrantes Julia Becerra Malvar e a de Carmen López Cortón.
No marco do proxecto A Saia, que desenvolvemos co ADHUC - Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona, este venres subíronse vinte números de Exeria, a revista da Asociación Mulleres Cristiás Galegas que foron publicados entre 2004 e 2016. Vinculada ao movementos católicos de base, feministas e galeguistas, tiña como obxectivo informar, debater e difundir as cuestións de interese e as actividade da asociación e da súa rede de relacións nos movementos de teoloxía feminista: European Society of Women in Theological Research, Asociación de Teólogas Españolas, Col·lectiu de Dones en l'Església, redescristianas.net, entre outras. Ofrece un atento seguimento da participación de Exeria na Marcha Mundial das Mulleres. O groso da revista organízase en seccións que recollen os debates e a crónica de actividades, por iso adoitan levar o seu nome ("Asemblea de Outono", "8 de marzo", "Manta de solidariedade", "Mulleres ordenadas", "Feminismo hoxe", entre outras). Inclúe, ademais, un apartado de breves, "De aquí e acolá" e unha listaxe de mulleres asasinadas a causa do feminicidio elaborada por separadasydivorciadas.org.
Ademais, este venres tamén se sobre á canle de Youtube da institución “Saberes e sabores. Mulleres que alimentan a vida” unha peza audiovisual dirixida por Encarna Otero e realizada pola Comisión Técnica Imaxes e Voces do CCG. En trinta minutos achégase ao traballo das cociñeiras no sentido máis amplo, “desde o abastecemento, a planificación, a elaboración, a conciliación familiar... ata o resultado final, que é o prato”, en palabras da directora. Este produto é unha síntese de nove horas de gravación que se arquivarán no fondo documental que rexistra o traballo invisibilizado que desenvolveron as mulleres na economía galega. “Deixamos un material elaborado porque sabemos que é o que dá máis traballo, e o fondo completo fica no Arquivo Sonoro de Galicia para investigadores e investigadoras”, afirma Encarna Otero.

