Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia
Álbum de Galicia
Mercedes Mariño
A primeira actriz e cantante galega que se converteu nunha estrela en Estados Unidos
19 de marzo de 2025Consellodacultura.gal
Difusión
Mercedes Mariño
A primeira actriz e cantante galega que se converteu nunha estrela en Estados Unidos
Consellodacultura.galMercedes Mariño
Álbum de Galicia"A importancia que a monfortina Mercedes Mariño González acadou no teatro, na canción e no cinema é tan fonda como o descoñecemento sobre a súa figura" explica Montse Fajardo de Mercedes Mariño (Monforte de Lemos, 1909 - Santiago de Compostela, 1995) na entrada que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia. A colección de biografías do Consello da Cultura Galega engade a traxectoria da que foi a primeira actriz e cantante galega que se converteu nunha estrela en Estados Unidos.
A entrada do Álbum de Galicia pon o foco en que “foi a primeira galega que debutou como protagonista dunha obra en Nova York, que encabezou o cartel dunha longametraxe americana ou que participou nun serial radiofónico, mais a súa sona foise diluíndo ao compás das doenzas psíquicas que a acompañaron ata a fin dos seus días”. Nela destácase que o traballo de investigación realizado por Xosé Enrique Acuña no marco das Xociviga, as históricas xornadas de cine e vídeo do Carballiño, permitiu recuperar a biografía desta muller.
“En 1928 inicia unha xira internacional que a converte na primeira galega que protagoniza obras en Nova York” afirma a entrada sobre unha etapa na que a galega non parará de traballar. “Alí chega a actuar ata con tres compañías distintas, entre elas a de Narciso Ibáñez Menta, que será a súa parella artística en varias montaxes” apunta o texto. Con todo, Fajardo destaca que malia a intensidade hai mostras do apegada que está á súa terra natal e ofreceulle “á colectividade emigrada comedias como Airiños da miña terra, amén de axudar repetidamente a recadar fondos para as familias galegas máis necesitadas”. Na súa etapa americana a entrada cita a Enrique Acuña quen afirma “todo indica que Mercedes Mariño é a primeira galega que canta cadencias propias dun jazz que emerxía con forza”. Será tamén pioneira nos seriais radiofónicos tras sumarse ao elenco que os radia na emisora cubana CMK.
Trala proclamación da II República, Mercdes regresa a Madrid onde, segundo a entrada “porá en escena no Teatro Beatriz a obra A.M.D.G., La vida es un colegio de jesuitas, adaptación teatral dunha novela na que Ramón Pérez de Ayala denunciaba a corrupción económica e os delitos sexuais da orde relixiosa”. En España compaxina teatro e música, debutará na programación nocturna de Unión Radio e convértese na primeira actriz da compañía dramática de Arte Moderno. Un ritmo de traballo que só para ao nacer, froito do seu matrimonio con Manuel García Leyra, a súa única filla: Olimpia. Tamén se fai fincapé no texto no avanzada que é o seu pensamento feminista.
Tralo golpe franquista a vida cambia para a actriz. O seu home súmase ao bando republicano e acaba nun campo de concentración e cando sae, regresa a Galicia e inicia unha nova vida. A ruptura familiar afecta profundamente a Mercedes.
Foi o falanxista Carlos Serrano, segundo apunta Fajardo na entrada, que aleva de volta ao cine en 1946 co filme Abel Sánchez. Foi a súa última aparición no cinema. Despediuse no teatro á fronte do Cuadro Filodramático del Centro Cultural de Santa Lucía, que logo se chamará Vocación que tivo duras críticas. Foron os últimos traballos para unha muller que criaba soa a unha nena, que amosara publicamente ideas republicanas e que comezou a acumular estadías en hospitais psiquiátricos. Consérvanse varios expedientes no Arquivo de Galiza que permiten saber que ingresou en Conxo onde morreu o 5 de xuño de 1995.
A entrada compleméntase con ligazóns a diferentes entrevistas e recortes de prensa sobre as súas actividades así como dous vídeos da súa primeira película, El veneno de un beso, que interpretou xunto ao galán cubano Antonio Perdices, cuxa estrea tivo lugar o 3 de outubro de 1929 no Teatro Martí.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
A día de hoxe, o Álbum de Galicia conta con máis de 765 entradas, das cales as máis recentes son as de Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares, Eduardo Lence-Sartar ou Avelino Cachafeiro. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. Constitúe, xa que logo, un punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.

