
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia

Álbum de Galicia
Paco Conesa
Pintor, escultor e deseñador de escenografía e vestiario moi vinculado ao teatro galego
Mércores, 2 de abril de 2025Consellodacultura.gal
Difusión
Paco Conesa
Pintor, escultor e deseñador de escenografía e vestiario moi vinculado ao teatro galego
Consellodacultura.galPaco Conesa
Álbum de GaliciaO Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a biografía Francisco Conesa (La Unión, Murcia, 1944 - 2016). Na súa terra natal foi moi coñecido pola súa faceta de pintor e escultor, mentres que en Galicia "desenvolveu unha prolífica carreira como escenógrafo e deseñador de vestiario vinculada ao teatro galego". Así o explica Ana Abad de Larriva na entrada que hoxe se publica no web do CCG.
A entrada do Álbum de Galicia destaca a ampla e variada formación de Paco Conesa. Tivo diferentes mestres e continuou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Madrid. Posteriormente ampliou estudos na Universidade de Perugia, en Italia e na fundación Armando Alvares Penteado en São Paulo (Brasil) grazas a unha bolsa de estudos. Á súa volta estableceuse en Madrid, desde onde tendeu pontes creativas con persoas e grupos do teatro independente español e, sobre todo, galego.
Asegura Ana Abad que “o seu vencello coa escena galega foi forte, prolífico e sostido no tempo, a través do traballo na plástica escénica e no deseño de carteis con algunhas das principais compañías privadas e co Centro Dramático Galego, tomando parte, de xeito pioneiro, na profesionalización do sector escénico”. Na entrada dáse conta da multitude de espectáculos para os que deseñou escenografías, vestiario ou carteis. Aínda que fixou a súa residencia en La Unión, Conesa traballou con diferentes compañías e grupos como Teatro da Mari-Gaila (que tamén axudou a fundar), a compañía Luís Seoane, o Centro Dramático Galego, Teatro do Noroeste ou Teatro do Atlántico, da man de nomes como Xulio Lago, Dorotea Bárcena e Eduardo Alonso, entre outros. Na entrada cítase tamén a síntese que Diego Valeiras, escenógrafo e creador, fixo do traballo de Conesa, que definiu como “achegas escenográficas moi diversas pero cun nexo común, a estilización das formas e a busca no vestiario dun realismo histórico que deixa poucas licenzas á imaxinación”. O seu traballo creativo foi premiado con cinco Premios María Casares (polo vestiario de Imperial: Café Cantante e polas escenografías de Noite de Reis, A cacatúa verde, Imperial: Café cantante e Piratas) e tamén na I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (pola escenografía do Woyzeck) e o Premio Compostela 1990 (pola escenografía e vestiario por As alegres casadas).
Se en Galicia foi moi coñecido pola súa faceta no teatro galego, na súa terra natal destacou como debuxante, pintor e escultor. “Como debuxante e pintor participou en numerosas exposicións individuais e tamén colectivas, algunha delas en Galicia, e en La Unión deixou unha gran pegada como pintor de murais e escultor de figuras da imaxinería relixiosa, sendo o autor dalgunhas das imaxes máis representativas da Semana Santa Minera, como o Cristo Xacente” apúntase na entrada do Álbum. O seu legado (documentos, gravados, debuxos, bosquexos, catálogos de arte, obxectos persoais, fotografías, correspondencia, escritos e a súa biblioteca persoal) foi doado pola familia ao Arquivo Municipal de La Unión.
A entrada compleméntase con ligazóns a diferentes artigos de prensa que informaron das actividades realizadas; vídeos de diferentes montaxes e outra documentación, entre a que destaca un estudo realizado por Diego Valeiras sobre a súa escenografía.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de Julia Becerra Malvar, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.