Difusión - José Fernández Vide. Mércores, 9 de abril de 2025

José Fernández Vide

Álbum de Galicia

José Fernández Vide

O gran compositor da cidade de Ourense

Mércores, 9 de abril de 2025
Consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

José Fernández Vide

O gran compositor da cidade de Ourense

Consellodacultura.gal

José Fernández Vide

Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981). Foi compositor, director e instrumentista e, segundo explica Javier Jurado na entrada do Álbum, “a través das súas composicións e do seu labor educativo, Vide contribuíu de maneira substancial ao enriquecemento do patrimonio musical de Galicia e das comunidades galegas no estranxeiro”.
A entrada do Álbum de Galicia destaca que a vida e o legado de José Fernández Vide “demostran unha profunda conexión coas súas raíces culturais e unha capacidade notable para adaptarse e prosperar en diferentes contextos”. Da súa traxectoria vital e profesional, Javier Jurado traza catro grandes etapas para este home formado no coro da Catedral de Ourense e moi vencellado ao Orfeón Unión Ourensá, unha destacada agrupación coral da cidade de Ourense.

A primeira etapa que distingue Javier Jurado ten lugar en Cuba e nela, José Fernández Vide chega a dirixir o Orfeón do Centro galego da Habana trala morte de José Castro, "Chané", un feito que se traslada na entrada como un “gran logro da súa carreira”. En Cuba consolidou a súa reputación como músico versátil e talentoso. “Algunhas das súas composicións máis notables deste período inclúen Morriña (1925) e Saudade (1930), que se converteron en pezas emblemáticas do repertorio do Orfeón do Centro Galego” explica na entrada, na que tamén pertencen as dúas zarzuelas galegas elaboradas polo autor: Miñatos de vran, escrita sobre libreto de Enrique Zas (reelaborado por Ramón Otero Pedrayo para a súa posta en escena en Ourense en 1959) e Proba d’amor, sobre libreto de Francisco A. de Nóvoa, ambas estreadas no Teatro Nacional da Habana en 1928.

A segunda etapa, entre 1932 e 1950, está marcada polo seu regreso a Ourense, onde realiza unha gran actividade compositiva e docente. Na guerra e na posguerra, Vide mantivo o seu compromiso coa música e coa súa comunidade. O punto álxido da súa carreira ten lugar entre 1951 e 1956, que Javier Jurado denomina como a terceira etapa e que comeza cando Vide asume a dirección artística do Orfeón Unión Ourensá. Baixo a súa dirección implementáronse unha serie de cambios significativos, que revitalizaron a agrupación. Foi unha época na crecente popularidade das súas composicións que eran interpretadas non só en Ourense, senón noutras partes de Galicia e España. A partir de 1956, cando cesa como director do Orfeón Unión Ourensá, baixa o ritmo de actividade e ábrese unha última etapa marcada pola revisión das súas obras e mantivo un papel como mentor e educador, que segundo figura na entrada do álbum “foi fundamental para moitos músicos novos que atoparon nel unha fonte de inspiración e aprendizaxe”.
A entrada compleméntase con ligazóns a diferentes artigos de Carlos Villanueva e tamén do propio Javier Jurado sobre o seu legado musical, así como novas de diferentes xornais que recollen algúns dos fitos da súa biografía. Hai tamén vídeos e audios nos que se poden escoitar interpretacións das súas composicións.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
 
Difusión
Álbum de Galicia
José Fernández Vide
O gran compositor da cidade de Ourense
Data de publicación
Mércores, 9 de abril de 2025
Onde
Consellodacultura.gal
Ámbito
Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)