Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia
Álbum de Galicia
Antonio López Ferreiro
Bo galego, bo sacerdote, bo historiador, bo literato, digno de perdurante lembranza
Mércores, 16 de abril de 2025Consellodacultura.gal
Difusión
Antonio López Ferreiro
Bo galego, bo sacerdote, bo historiador, bo literato, digno de perdurante lembranza
Consellodacultura.galAntonio López Ferreiro
Álbum de GaliciaO Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Antonio López Ferreiro (Santiago, 1837- Vedra, 1910). Foi un cóengo compostelán que destacou en moitos ámbitos. Impulsou as escavacións que remataron en 1879 co achado dos restos do Apóstolo e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro baixo o altar maior. Na casa na que naceu hai unha inscrición que o define como “bô galego, bô sacerdote, bô historiador, bô literato, dino por todo de perdurante lembranza”. Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.
A entrada do Álbum de Galicia comeza explicando que “o cóengo compostelán Antonio López Ferreiro foi un sabio arquiveiro, recalcitrante tradicionalista, autor dunha enciclopédica obra historiográfica de 105 títulos entre libros, folletos e artigos (...) que o sitúan nun lugar destacado do renacer literario do século XIX en lingua galega”. Nela destaca a súa vocación relixiosa que o levou a ingresar primeiro no seminario e logo na universidade para estudar Teoloxía, Dereito Canónico e Lingua Hebrea. Fandiño fai un repaso pola súa traxectoria académica na que tamén obtivo o título de Arquiveiro Bibliotecario e foi cando comezou os seus "primeiros artigos de investigación histórica". Exerceu o sacerdocio na parroquia de Santa Olalla de Vedra ata que foi nomeado cóengo de graza da catedral de Santiago. "Foron case corenta anos de vida capitular nos que López Ferreiro desempeñou os cargos de secretario, relicario, arquiveiro e membro das comisións dedicadas ao estudo das reformas na catedral" apunta a entrada.
Xosé Ramón Fandiño destaca dunha banda, o papel que tivo no descubrimento das reliquias do Apóstolo. E, da outra, a súa contribución á historiografía galega. Da primeira parte, dá conta como coa axuda de Xosé María Labín Cabello, cóengo doutoral e reitor do Seminario, máis do mestre de obras Larramendi e do operario Xoán Nartallo, na noite do 28 de xaneiro de 1879 identificaron os restos do Apóstolo e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro baixo o altar maior. Un traballo que está explicado nun volume de 249 páxinas titulado Informe redactado polos dous capitulares, Declaración e información acerca de la autenticidad de las Reliquias del Apóstol Santiago, que respousa no Arquivo da Catedral de Santiago. Coa bula Deus omminpotens do papa León XIII ratifícase a autenticidade das reliquias e marca o inicio do fenómeno das peregrinacións e da celebración dos Anos Santos. Con respecto á súa contribución á historiografía galega, Fandiño fai fincapé no seu labor de transcribir, organizar e desentrañar a inmensa masa documental do arquivo da catedral. “Á parte dos seus innumerables artigos, o arquiveiro compostelán é autor de diversas monografías, das cales a máis importante son os once tomos e 508 apéndices documentais da Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela, que o cabido e o cardeal Martín de Herrera lle encargaron en 1895 que se ocupase en redactar. Esta obra, un verdadeiro arquivo histórico de Galicia e especialmente da igrexa de Santiago, abrangue desde as súas orixes deica o pontificado de Rafael Múzquiz Aldunate (1821). Publicou o primeiro tomo en 1898 e o undécimo e derradeiro, póstumo, en 1911” asegura a entrada.
Foi socio correspondente da Real Academia da Historia (1878), membro correspondente da Real Academia das Boas Letras de Barcelona (1902) e da Asociación Artístico-Arqueolóxica da Cidade Condal e membro numerario da Real Academia Galega, entre outros múltiples recoñecementos.
Como escritor, López Ferreiro publicou tres novelas en lingua galega que, en palabras de Fandiño, “introducen na literatura galega o tipo de novela histórica de tipo romántico, seguindo a liña tradicionalista do escocés Walter Scott, que buscaba a recreación de ambientes medievais”. As obras son A tecedeira de Bonaval, publicada inicialmente como folletín no xornal carlista El Pensamiento Gallego; O castelo de Pambre, tamén publicada no mesmo xornal pero baixo o pseudónimo K. “Agochado novamente baixo o pseudónimo K, en 1905 publicou O niño de pombas, a máis romántica das tres, segundo Carballo Calero, como folletín de El Correo de Galicia” afirma a entrada.
Finou na súa casa de Vedra o 20 de marzo de 1910 mentres corrixía o undécimo tomo da súa ópera magna, a Historia da catedral de Santiago, obra que sae do encargo do cabido e do cardeal Martín de Herrera. A entrada incorpora tamén documentación sobre a importancia do seu legado e da súa personalidade. Entre os materiais complementarios figura o volume editado polo CCG en 2008 que contén todas as referencias individualizadas dos documentos, unidades arquivísticas e libros que integran a Colección López-Ferreiro, no Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.

