Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
Visita o Álbum de Galicia
Álbum de Galicia
Alfredo Vicenti
Un xornalista de raza republicano e galego
Mércores, 21 de maio de 2025consellodacultura.gal
Difusión
Alfredo Vicenti
Un xornalista de raza republicano e galego
consellodacultura.galAlfredo Vicenti
Álbum de GaliciaO Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe as entradas de dúas figuras do Rexurdimento galego. Dunha banda a de Teodosio Vesteiro Torres (Vigo, 1847- Madrid, 1876), xornalista, poeta, escritor e profesor de música que impulsou a creación da asociación La Galicia Literaria e publicou a obra de Galería de gallegos ilustres. Da outra, a de Alfredo Vicenti Rey (Santiago de Compostela, 1850- Madrid, 1916), xornalista, escritor e político, director do xornal El Liberal e deputado a Cortes. Xurxo Martínez González é o autor de ambas as dúas entradas que xa están dispoñibles para consulta no web do CCG.
Teodosio Vesteiro e Alfredo Vicenti foron xornalistas e escritores que mantiveron carreiras profesionais separadas. Con todo, ambos os dous formaron parte do movemento de recuperación da lingua e identidade galegas no século XIX, especialmente a través da prensa e da literatura onde compartiron ideais progresistas e galeguistas.
O poeta Teodosio Vesteiro
Nado en Vigo, Teodosio Vesteiro formouse en Filosofía e Teoloxía no Seminario de Tui, onde comezou traballando como bibliotecario. Circunstancia que lle permitiría achegarse a obras pouco accesibles e á composición musical. Chegou a compoñer 13 zarzuelas e a dirixir a orquestra da catedral de Tui con 17 anos. No mesmo Seminario, exploraría a carreira eclesiástica, impartindo docencia nunha cátedra de Humanidades. Despois de deixar a vida secular, trasladouse a Madrid, onde impartiu aulas de música e publicoiu a obra Flores de soledad, seis melodías para canto e piano e o seu primeiro poemario titulado Versos. Nesa mesma época, comezou a colaborar cos xornais El Heraldo Gallego, dirixido por Valentín Lamas Carvajal, El Diario de Santiago e La Lucha.
Os seus intereses pola historia e cultura galegas levárono a ser o primeiro difusor das cantigas de Martín Códax e publicar Galería de gallegos ilustres, un proxecto que contribuiría á construción do imaxinario nacional colectivo e se converteu nunha importante peza para o Rexurdimento. Na mesma época, impulsou a creación da asociación La Galicia Literaria, con sede na súa propia casa de Madrid. Unha sociedade que podería ser vista como precursora da Real Academia Galega. Ao longo da súa vida recibiu varios premios. Na cidade de Girona, onde se publicaba La Lucha, recibiu un recoñecemento honorífico nun certame organizado pola Asociación Literaria de Gerona; e en Vigo a redacción de La Concordia organizaría un banquete no seu honor no Hotel Europa.
Suicidouse no Museo do Prado. Após o suceso, os seus amigos escritores abriron unha convocatoria para compoñer un álbum fúnebre, no que participaron Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Ruiz Aguilera, Francisco Añón, Emilia Calé e Emilia Pardo Bazán. A publicación da homenaxe polo seu pasamento xeraría certa polémica en medios como La Ilustración Española y Americana ao tratarse dun suicidio. Dende El Diario de Lugo, reivindicarían todos os anos a memoria de Teodosio Vesteiro Torres. Tamén se publicaron postumamente Monografías de Vigo, Recuerdos de Galicia e o tomo VI da Galería de gallegos ilustres.
Alfredo Vicenti, xornalista e político comprometido co galeguismo
Alfredo Vicenti, iniciou a súa andaina profesional na súa Compostela natal, onde escribiu para o xornal El Diario de Santiago, medio co que gañaría notoriedade pública e que acadaría dirixindo, converténdose en referente entre os intelectuais galegos. Os seus intereses pola literatura galega levárono a publicar en El Heraldo Gallego, dirixido por Lamas Carvajal, un conxunto de textos titulado “A orillas del Ulla”, inspirado polo poemario de Rosalía de Castro. A través da súa andaina xornalística e grazas á súa notoriedade pública, achegouse aos movementos republicanos galegos e comezou unha etapa como militante, motivo polo que tras a Restauración borbónica, o seu xornal sufriría censura e multas. Nesa época, o xornal enfrontouse ao arcebispado de Compostela, que desembocaría no peche do diario e a súa marcha a Madrid. Por aquel entón, comeza a colaborar con outros medios como El Eco de Galicia, dirixido dende A Habana, ou La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixido por Manuel Murguía.
Asentado en Madrid, Vicenti asumiu a dirección de La Ilustración Cantábrica, onde puxo en valor a cultura e historia galegas. Ao mesmo tempo, colaborou en El Globo, que pasaría a formar parte de El Liberal, medios que chegou a dirixir que o consolidaron como un dos xornalistas máis importantes de España. Ademais, participou de xeito activo na Asociación da Prensa de Madrid, chegando a exercer a presidencia da mesma.
A comezos do século XX, participou como asinante no manifesto da Liga Agrario Redencionista Gallega e impulsou a creación do Centro Galego de Madrid. Nos últimos anos da vida de Vicenti, liderou a candidatura agraria por Becerreá e seguiu participando activamente na política, ocupando un escano de deputado no Parlamento republicano.

