Difusión
Epistolario: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo
Luns, 26 de maio de 2025consellodacultura.gal
Difusión
Epistolario: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo
consellodacultura.galEpistolario: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz Pardo
“Foi un artista, un empresario capaz de unir calidade estética e produto industrial e, entre moitas outras cousas, un intelectual comprometido” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na apertura da xornada “Isaac Díaz Pardo. Azul Compostela” coa que a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG lembrou a súa figura e a súa conexión coa cidade de Santiago de Compostela. Ademais da xornada que homenaxea a Díaz Pardo no ano en que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a institución acaba de incorporar preto dun centenar de cartas que o intelectual mantivo con Valentín Paz Andrade. O epistolario preséntase acompañado dun texto contextualizador a cargo do historiador e expresidente do CCG, Ramón Villares.
As 98 cartas que o CCG puxo en rede hoxe dentro do proxecto Epístola amosan unha relación epistolar continuada, con algunhas lagoas polas mencións que se fan nas súas cartas, que permite trazar os proxectos empresariais e intelectuais (e tamén os obstáculos) que impulsaron os dous protagonistas. Unha distancia física evidente pero cunha gran proximidade afectiva que se estendeu ás súas familias. Son, en palabras de Ramón Villares, un "cento de cartas que constitúen un documento relevante para entender a historia da Galicia do século xx, tanto a desenvolta na Terra como a que se fixo na «parroquia de acolá»".
Dúas décadas separaban aos dous protagonistas que acabaron confluíndo por varios motivos. Primeiro, segundo Villares, porque “en certo modo, Valentín exerceu entón un papel de «marchante informal» da obra de Isaac, como faría con outros artistas (Colmeiro, Souto…)”. E despois fóronse achegando ata que os dous persoeiros empezaron a tratarse de igual a igual a partir dos anos cincuenta, cando a relación epistolar case comercial decontado se transformou na canteira de proxectos futuros sen perder o afecto persoal. Segundo porque "permite seguir paso a paso o entendemento entre un artista, con posterioridade transformado nun peculiar empresario cerámico, e un xornalista, escritor e asesor empresarial, alén de ensaísta e incluso poeta". Castelao é tamén un nexo de unión entre ambos. Paz Andrade foi o autor da primeira gran biografía do rianxés baixo o título "Castelao na luz e na sombra" que editou Isaac desde Ediciós do Castro en 1982. E terceiro é polo "valor singular é a capacidade de ambos os correspondentes para conectaren co exilio galeguista en América, aínda que de forma especial co situado na Arxentina, co que trazan relacións culturais, políticas e tamén empresariais".
A xénese da creación da fábrica da Magdalena, o encontro de Isaac cun mundo como o do exilio, que Paz-Andrade xa levaba anos frecuentando,e a aposta que ambos fixeron polas xeracións máis novas dos exiliados galeguistas de Bos Aires foron unindo os seus camiños.
Nas cartas tamén se poden ver tendencias. Nos sesenta o epistolario aborda diferentes proxectos (Banco Industrial, as súas diferenzas sobre o tipo de política agraria, as prohibicións á difusión de Fraga....) que acaban derivando a finais da década cara a un ton máis persoal e que se se centra na actividade cultural que proxecta en Galicia o grupo Sargadelos.
A xornada
A sesión comezou coa proxección de un “As miradas de Isaac”, unha videoinstalación da fotógrafa, xornalista cultural e neta de Isaac, Cecilia Díaz Betz e do realizador Jordi Cussó. Nel ofrécese un relato en primeira persoa da vida e da obra do creador de Sargadelos a partir de material audiovisual histórico de procedencia diversa. Seguille unha conferencia que Cecilia Díaz ofreceou abordando os aspectos máis vangardistas e innovadores que aínda perduran. Begoña Soneira falou da importnacia do Laboratorio de Formas, das súas raíces, dos seus obxectivos e todas as empresas e iniciativas que naceron del; mentres que María América abordou a infancia e a mocidade de Díaz Pardo en Compostela, onde viviu ata os 16 anos con especial atención á casa da Tumbona, o taller de seu pai, Camilo Díaz Baliño, a súa participación nos carteis pro-Estatuto e o fin abrupto desta etapa coa morte do seu pai ao inicio da Guerra Civil.

