Difusión - Xoán Manuel López Eirís. Mércores, 28 de maio de 2025

Xoán Manuel López Eirís

Álbum de Galicia

Xoán Manuel López Eirís

Actor, escenógrafo e figurinista pioneiro do teatro independente galego

Mércores, 28 de maio de 2025
Consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Xoán Manuel López Eirís

Actor, escenógrafo e figurinista pioneiro do teatro independente galego

Consellodacultura.gal

Xoán Manuel López Eirís

Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Xoán Manuel Lípez Eirís (Carballo, 1952- A Coruña, 2017). Foi un actor, escenógrafo e deseñador de vestiario e unha figura pioneira do Teatro Independente Galego que participou na fundación da Escola Dramática Galega. Ao longo da súa vida profesional estivo vencellado a Casahamlet, traballou co actor e dramaturgo, Manuel Lourenzo e diversas agrupacións como o Teatro Circo, a Compañía Luís Seoane, o Centro Dramático ou Teatro Elsinor. Ana Abad de Larriva é autora da entrada que xa está dispoñible.
A entrada do Álbum de Galicia comeza cun percorrido polos primeiros anos do autor, que nace en Carballo, pero viviu principalmente na Coruña. Ao longo da súa vida, mantivo unha fonda relación profesional e de amizade co dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, con quen comezou a colaborar no Teatro Circo en 1975, cun papel na montaxe de Macbeth, estreada no Teatro Colón da Coruña. Nesa primeira etapa, traballou como actor e na posta en escena de pezas como Zardigot, O longo viaxe do Capitán Zelta ou Os vellos non deben de namorarse, obra na que se encargou da danza, da posta en escena e da creación das máscaras do espectáculo. Paralelamente, formou¬se no Institut del Teatre de Barcelona e participou na elaboración do proxecto fundacional da Escola Dramática Galega (EDG).

Dentro da EDG desenvolveu varios traballos relacionados co Teatro Antigo Oriental, con seminarios e textos que editou na publicación Cadernos da EDG. López Eirís formou parte do Departamento de Dramáticas, Didácticas e Estudos Teatrais, dende o que impartiu cursos relacionados coa plástica escénica e participou en diversas áreas creativas de numerosas montaxes.

Na década dos oitenta, estivo vencellado tamén á Compañía Luis Seoane, con montaxes como A casa das tres lúas, de Ramón Otero Pedrayo, ou a obra O rei aborrecido. Pola mesma época, entrou en contacto co Centro Dramático Galego, onde participou nas obras As tres irmás, de Anton Chejov, e Espectros, de Ramón Otero Pedrayo, encargándose da escenografía e do vestiario.

Na década seguinte, colaborou con Teatro Elsino con textos de Lino Braxe, Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Flor Maceiras. En 1994, participou na produción Electra, coproducida entre Uvegá Teatro e a Escola Dramática Galega, que lle valeu o Premio Compostela 1994 á Mellor Escenografía.
Ao longo dos anos, afastouse paulatinamente da creación escénica, xa que non era esa a súa profesión principal. Con todo, no ano 2017, o Festival Internacional de Outono de Teatro homenaxeouno cunha exposición titulada O Exlibris do teatro, e no ano 2020, o Teatro Rosalía de Castro puxo o nome de “Xan López Eirís” a unha das súas salas polivalentes.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020, o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Naquel momento contaba con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes eran as de José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum estaban enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permitían coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais foron producidos por expertos e constituían unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permitía explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega
 
Difusión
Álbum de Galicia
Xoán Manuel López Eirís
Actor, escenógrafo e figurinista pioneiro do teatro independente galego
Data de publicación
Mércores, 28 de maio de 2025
Onde
Consellodacultura.gal