Difusión - Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos. Xoves, 10 de xullo de 2025

Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos

Álbum de Galicia

Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos

Creador dos primeiros altos fornos da Península e dunha fábrica de louza na parroquia de Santiago de Sargadelos

Xoves, 10 de xullo de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos

Creador dos primeiros altos fornos da Península e dunha fábrica de louza na parroquia de Santiago de Sargadelos

consellodacultura.gal

Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos

Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Antonio Raimundo Ibáñez (Ferreirela de Baxo, 1749 - Ribadeo, 1809). Foi un empresario industrial e mercantil que impulsou a creación dun dos primeiros altos fornos do país, que serviu para modernizar a sociedade local da época, eminentemente labrega. Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.
Antonio Raimundo Ibáñez naceu na aldea asturiana de Ferreirela, próxima á fronteira lucense. Foi un empresario que quería traer a Galicia o espírito da Ilustración e impulsar o crecemento económico industrial. Como di Xosé Ramón Fandiño na entrada, citando a Fausto Dopico “O seu pensamento era pragmático, sinxelo e sensible, coas ideas máis avanzadas do seu tempo e que soubo conxuntar unha aceptable formación teórica cunha gran visión comercial e industrial.”

Comezou a traballar como aprendiz das técnicas mercantís e a facer negocios pola súa conta, cos que se faría cun capital notable. Os seus afáns comerciais levárono a investir na construción dunha siderurxia en Sargadelos, que crearía novos postos de traballo na zona. Este feito, sumado ao aumento da demanda de produción motivada pola Guerra da Independencia, derivou en hostilidades entre os rendistas e fidalgos locais, que vían ameazada a man de obra agraria. A finais do século XVIII houbo protestas e ata catro levantamentos contra Ibáñez, que estivo a piques de ser detido polas influencias dos seus inimigos.

A comezos do século XIX fíxose con novas fábricas de siderurxia e cerámica, e introduciu en Galicia a creación de porcelana de estilo inglés e novas técnicas de decorado. Durante a Guerra de Independencia, conseguiu ter influencia política na Mariña e no Estado, ata o punto de que Carlos IV quería nomealo Marqués. Con todo, os conflitos que tiña coa veciñanza eran cada vez máis fondos e acabou sendo asasinado xunto coa súa familia.
A mediados do século XX, recuperouse a fábrica de cerámicas, e creouse o Laboratorio de Formas impulsado por Díaz Pardo e Luís Seoane. Unha iniciativa que mantivo o nome do seu primeiro impulsor a modo de homenaxe. O autor da entrada, salienta que “Historicamente, Sargadelos supuxo para Galicia a aparición do concepto de empresa exemplar situada nos comezos da industria capitalista en España.(...) Un punto importante no empredemento recuperador da memoria histórica de Galicia do que o Laboratorio de Formas se propuxo rescatar o espítito ético da empresa de máis alento e prestixio do noso pasado industrial.”

Na entrada do Álbum de Galicia recóllense imaxes de varias pezas das fábricas orixinais de Sargadelos, que exemplifican os deseños da época, así como fotografías e debuxos da ubicación orixinal das instalacións e retratos de Antonio Raimundo Ibáñez.

Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
 
Difusión
Álbum de Galicia
Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos
Creador dos primeiros altos fornos da Península e dunha fábrica de louza na parroquia de Santiago de Sargadelos
Data de publicación
Xoves, 10 de xullo de 2025
Onde
consellodacultura.gal