Xornada - Sen Ítaca, con esperanza: O legado de Juan Ramón Capella Hernández. Martes, 4 de novembro de 2025

Sen Ítaca, con esperanza: O legado de Juan Ramón Capella Hernández

Xornada

Sen Ítaca, con esperanza: O legado de Juan Ramón Capella Hernández

Martes, 4 de novembro de 2025
Santiago de Compostela
Xornada

Sen Ítaca, con esperanza: O legado de Juan Ramón Capella Hernández

Martes, 4 de novembro de 2025 Santiago de Compostela

Analizar o legado de Juan Ramón Capella Hernández (Barcelona, 1939-2024) implica ir moito máis alá da súa propia vida e obra porque tanto o seu traballo intelectual e docente como a súa praxe política se integran nun conxunto moito máis amplo cuxas raíces chegan até a democracia ateniense e cuxas pólas se estenden ao longo da Península Ibérica ao abordar todos os conflitos xurídicos e políticos contemporáneos.

Nesta xornada reflexionaremos sobre un legado que é colectivo e tricolor e onde se entretecen moitos nomes, ideas e proxectos emancipatorios vencellados coa democracia e a ampliación de dereitos, que sempre esixe unha obriga, un deber, como garantía e contrapartida para o seu exercicio real.

Trátase dun legado colectivo que xurdiu na Universitat de Barcelona, que se estendeu desde aí e que chegou á nosa terra a través do maxisterio de Ascensión Cambrón Infante na Universidade da Coruña. Nel destaca a revista Mientras Tanto, que contribuíu a fundar e de cuxa redacción foi membro até a súa morte.

É tricolor —vermello, verde e violeta— porque resulta imposíbel que exista un proxecto emancipatorio digno de tal nome que non inclúa a todos os seres humanos, con independencia da súa clase social ou da cor da súa pel, sexan homes ou mulleres ou nin unha cousa nin a outra, sen importar a súa orientación sexual… e sempre coa vista posta en que todos formamos parte do medio natural, que temos a obriga de coidar.

O seu mestre Manuel Sacristán, Simone Weil, Pier Paolo Pasolini, Antonio Gramsci, C. B. Macpherson, Rosa Rossi, Cornelius Castoriadis, Francisco Fernández Buey, Joaquim Sempere, Manuel Vázquez Montalbán… Estes e moitos outros nomes constituirán o elenco desta xornada, na cal se pretende manter vivo o seu legado, que é presente, non pasado, porque neste punto da historia, que non é lineal, temos aínda que iluminar moitos aspectos sobre o sistema constitucional español, aprender a aprender e denunciar que cada día é máis serva a cidadanía. Sen Ítaca, con grandes esperanzas.
Ficha técnica 
Xornada
Sen Ítaca, con esperanza: O legado de Juan Ramón Capella Hernández
Cando
Martes, 4 de novembro de 2025
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Facultade de Filosofía
Praza de Mazarelos s/n
15782 Santiago de Compostela

Coordinación
Celia Pereira Porto
Participante
María Xosé Agra Romero
Carlos A. Amoedo Souto
Iolanda Martínez Suárez
María Pedreira García
Relator/a
Ascensión Cambrón Infante
Antonio Giménez Merino
José Luís Gordillo Ferre
Carlos Lema Añón
Inauguración
Rosario Álvarez Blanco
Xavier de Donato Rodríguez
Celia Pereira Porto
Obxeto de estudo
Juan Ramón Capella Hernández
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Pensamento (CCG)
Colabora
Facultade de Filosofía. Universidade de Santiago de Compostela