Difusión - Ramiro Isla Couto. Mércores, 3 de setembro de 2025

Ramiro Isla Couto

Álbum de Galicia

Ramiro Isla Couto

Mércores, 3 de setembro de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Ramiro Isla Couto

consellodacultura.gal

Ramiro Isla Couto

Álbum de Galicia

O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar ao seu Álbum de Galicia -colección biobibliográfica que visibiliza personalidades senlleiras da historia e cultura galegas- unha nova entrada dedicada ao empresario galeguista Ramiro Isla Couto (A Estrada-1896, Vigo, 1987). A biografía, elaborada polo historiador Xosé Luís Pastoriza, rescata unha vida marcada polo compromiso político, a emigración e o exilio, e a quen o intelectual galeguista Ramón Piñeiro definiu como “peleriño do galeguismo polo mundo galego”.
Esta nova achega ao Álbum de Galicia pon luz sobre unha silueta “difusa entre as brétemas da historia do nacionalismo galego”, segundo recolle a propia entrada. Ramiro Isla Couto desenvolveu unha vida “esgazada en diversas etapas”, que o levou desde a emigración económica á Arxentina en 1911 até o seu regreso definitivo a Galicia en 1957, tras longos anos de exilio en México, Colombia e Venezuela. No seu periplo, participou activamente en organizacións nacionalistas, culturais e editoriais que sementaron o pensamento galeguista tanto na diáspora como no interior. Pastoriza destaca que, xa desde moi novo, Isla Couto “coñeceu ao seu futuro sogro Farruco Lamas Salgado, promotor da Agrupación Rexionalista A Terra, na que se integrou en 1917 como directivo e bibliotecario”, e establece unha relación de amizade vitalicia con Rodolfo Prada, outro nome esencial do galeguismo.

O seu papel foi clave na creación de espazos de expresión galega na emigración. En 1923, desde Arxentina, promove a primeira revista monolingüe en galego alén mar, Terra. Idearium da ING n’América do Sul, e colabora activamente co xornal A Fouce e coa revista Céltiga, desde onde impulsa a sección “Idearium Galeguista”.

Durante a Guerra Civil, trala súa detención en Verín en 1936 e posterior paso por Portugal, Portugal e Francia, converteuse nun elo fundamental nas redes de apoio ao exilio galeguista. Pastoriza subliña que “desde París colaborou, xunto con Florencio Delgado Gurriarán e ao abeiro do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), na organización do embarque cara a México e Chile dos refuxiados galegos nos barcos da liberdade”. Do seu traballo empresarial, a entrada destaca que, xunto co empresario galeguista Ramón Obella, rexistraron a marca comercial Zeltia en 1938, xerme da posterior farmacéutica galega. Ademais, lembra que en 1948 entrou a traballar para os Laboratorios Roche como xefe de visitadores médicos e delegado de propaganda en Colombia e Venezuela, empresa na que coincidiu con Lois Tobío.

Xa no exilio americano, continuou a súa actividade cultural e política: en México fundou o grupo Saudade, participou na edición da súa revista homónima e apoiou a publicación de obras como o Cancioneiro da loita galega. En Colombia representou ao Consello de Galiza e integrou a delegación de Galeuzca. En Venezuela, liderou o Ateneo Gallego, foi representante da Editorial Galaxia e impulsou a publicación da homenaxe a Otero Pedrayo e o Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez.

Ao seu regreso, traballou na Fundación Penzol e colaborou coa Editorial Galaxia e a Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT), continuando o seu labor de promoción da cultura galega. En 1986 recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Morreu en Vigo en 1987, ano en que seus irmáns, Celso e Manolo, máis o matrimonio de Cristina Nóvoa con Xaime Isla constituíron a Fundación Isla Couto.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 780 entradas, das cales as máis recentes son as Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal, Roberto Vidal Bolaño, María Luisa Iglesias Losada e Prudencia Piñeiro.. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
 
Difusión
Álbum de Galicia
Ramiro Isla Couto
Data de publicación
Mércores, 3 de setembro de 2025
Onde
consellodacultura.gal