Difusión - Francisco Miguel. Mércores, 17 de setembro de 2025

Francisco Miguel

Difusión

Francisco Miguel

Mércores, 17 de setembro de 2025
Consellodacultura.gal
Difusión

Francisco Miguel

Consellodacultura.gal

Francisco Miguel


Francisco Miguel Fernández Díaz (A Coruña, 1897 – Bértoa, 1936) foi un destacado pintor e ilustrador. O seu legado ficou no esquecemento tras o seu asasinato en 1936. Os seus restos veñen de ser recuperados do cemiterio de Bértoa en Carballo enterraranse na Coruña o vindeiro 29 de setembro. Ao fío deste acontecemento, o Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais, a entrada desta prometedora figura da arte plástica galega a cargo do crítico e comisario de arte Carlos L. Bernárdez. Ademais, o vindeiro día 24 na sede do CCG terá lugar a xornada Francisco Miguel. Tempo de facer xustiza que revisará a súa dimensión artística.
Carlos L. Bernárdez destaca que “a figura de Francisco Miguel está moi vencellada infelizmente ao seu asesinato e polo diario da súa muller, Syra Alonso, que contén a crónica dese suceso”. Na entrada pon en valor a singularidade do seu percorrido creativo que define como “unha obra entre o ultraísmo e o realismo máxico”, que conecta Galicia coa vangarda internacional das décadas de 1920 e 1930. Nela lembra o papel de Francisco Miguel en proxectos como as revistas Alfar ou Ronsel, a súa estadía en México xunto a figuras como David Alfaro Siqueiros e María Izquierdo, así como a relevancia das súas naturezas mortas, que dialogan coa Neue Sachlichkeit alemá e co pensamento estético de Franz Roh.

Para o autor da entrada, “a pintura de Francisco Miguel manifesta unha evidente ambivalencia entre reprodución fiel da realidade e creación autónoma da imaxe”, o que lle outorga un lugar singular no diálogo entre a arte galega e a internacional das primeiras décadas do século XX. A biografía lembra a importancia dos Diarios escritos pola súa muller que no “permitiu seguir a súa traxectoria e manter vivo o relato dunha vida e dunha obra condenadas ao silencio”. Grazas a este testemuño, engade, é posible entender mellor “o ambiente mexicano, os contactos intelectuais e a dimensión humana dun proxecto artístico interrompido pola violencia”.

A entrada salienta a necesidade de continuar o labor de recuperación: “a súa obra segue a estar aínda necesitada dunha revisión á altura da importancia que ten no contexto da arte galega, mexicana e internacional das décadas dos vinte e trinta do pasado século”. Parte do descoñecemento da súa obra radica no feito de que non se pode atopar nos nosos museos, xa que, segundo Bernárdez, “está principalmente en México, en colección privadas galegas, no mercado internacional e tamén en paradoiro descoñecido”. De feito, entre as ilustracións que acompañan a entrada destacan reproducións inédita dalgunha obra.

Este retrato ofrece unha visión global dun creador que, malia seren silenciado tras o seu asasinato, mantén unha posición central na arte galega e hispanoamericana do primeiro terzo do século XX.

A xornada
A publicación da entrada serve como antesala da xornada que a Sección de Arte e Creación Visual, coordinada por Paula Cabaleiro, organiza no marco do ciclo Revisando a nosa arte. A cita reunirá voces destacadas da crítica, da creación e da xestión cultural arredor da figura de Francisco Miguel. O encontro abrirase cunha conferencia do propio Carlos L. Bernárdez, que afondará na relación entre a obra de Francisco Miguel, a nova obxectividade e o realismo máxico. Seguiralle un diálogo entre o escritor Manuel Rivas e o crítico cultural Ramón Rozas, centrado na memoria e na dignidade da figura do artista. A sesión culminará cunha mesa redonda que reunirá a Manuel Rivas, Carlos Bernárdez, a comisaria Rosario Sarmiento e a vicepresidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Carmela Galego, nun debate moderado por Ramón Rozas. Unha programación pensada para iluminar a relevancia do creador coruñés e situar a súa traxectoria no contexto internacional das vangardas.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 780 entradas, das cales as máis recentes son as de Fidel Isla Couto, Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal, Roberto Vidal Bolaño ou María Luisa Iglesias Losada. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
 
Difusión
Francisco Miguel
Data de publicación
Mércores, 17 de setembro de 2025
Onde
Consellodacultura.gal

Retrato de Francisco Miguel realizado en México, en 1933, polo fotógrafo Manuel Álvarez Bravo.
Todo magazine, 9 (31 de outubro de 1933) Retrato de Francisco Miguel realizado en México, en 1933, polo fotógrafo Manuel Álvarez Bravo.