Difusión - Lugo: Órgano Oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Xoves, 18 de setembro de 2025

Lugo: Órgano Oficial del Centro Lucense de Buenos Aires

Repertorio da prensa da emigración galega

Lugo: Órgano Oficial del Centro Lucense de Buenos Aires

Xoves, 18 de setembro de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Repertorio da prensa da emigración galega

Lugo: Órgano Oficial del Centro Lucense de Buenos Aires

consellodacultura.gal

Lugo: Órgano Oficial del Centro Lucense de Buenos Aires

Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de setembro un lote de números do xornal Lugo: Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Nesta ocasión súbense noventa exemplares que se corresponden co período comprendido entre maio de 1943 e decembro de 1950.
O xornal Lugo: Órgano Oficial del Centro Lucense de Buenos Aires contou con varios subtítulos, tal e como figura nos noventa números que se soben ao Repertorio da Emigración Galega nesta entrega. Era o voceiro da sociedade, editado para informar das actividades sociais e culturais realizadas e doutros asuntos do seu interese: principalmente datos das comisións directivas, ingreso de socios, memorias sociais ou balances económicos. Tamén contén noticias da colectividade emigrada en xeral, da actualidade galega, nomeadamente lucense, xunto con artigos que abordan diversos temas xeográficos, históricos e culturais da provincia.
A cabeceira tiña periodicidade mensual, está escrita maioritariamente en galego e contou con colaboradores como Varela Buxán, García Barros, Castelao, Antón Alonso Ríos, Daniel Cortezón, Francisco Fernández del Riego, Manuel María, Pura Vázquez Iglesias, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Suárez Picallo ou Xesús Alonso Montero.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG. Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza.
 
Difusión
Repertorio da prensa da emigración galega
Lugo: Órgano Oficial del Centro Lucense de Buenos Aires
Data de publicación
Xoves, 18 de setembro de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)