Ciclo - 8.ª Dramaturxias itinerantes. Porto, 10 de novembro e Vigo, 11 de novembrode 2025

8.ª Dramaturxias itinerantes

Dramaturxias itinerantes/ Dramaturgias itinerantes Ciclo

8.ª Dramaturxias itinerantes

AS QUE LIMPAN de A Panadaría
A MORTE DA SERIA de Inês Filipe

Porto, 10 de novembro e Vigo, 11 de novembrode 2025
Porto - Vigo
Ciclo
Dramaturxias itinerantes/ Dramaturgias itinerantes

8.ª Dramaturxias itinerantes

AS QUE LIMPAN de A Panadaría
A MORTE DA SERIA de Inês Filipe

Porto, 10 de novembro e Vigo, 11 de novembrode 2025 Porto - Vigo
A oitava edición das Dramaturxias Itinerantes deste 2025 volve en novembro cunha entrega con dúas novas propostas, sumando así estas creadoras á nosa xa importante colección de dramaturgas galegas e portuguesas. Nesta volta, temos a autora portuguesa Inês Filipe, con A morte da sereia, e ás galegas de A Panadaría —Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman—, coa súa peza As que limpan.

Seguimos co mesmo propósito fundacional: poñer en valor o traballo da escrita dramática feita por mulleres dos dous lados da fronteira. Queremos que estes textos estean aí fóra, ao alcance de todas e todos: para montar, para ler, para debullar, para compartir... ou, mesmo, para darlles unha volta e reinventalos desde o palco.

Ano tras ano, as persoas participantes da ESAD de Galicia e da ESMAE do Porto —as dúas escolas que forman parte deste proxecto— aprópianse con ledicia da palabra escrita polas nosas autoras e provocan a alquimia da súa transformación nun ente vivo, en acción, en voz e en movemento. Deste xeito, achegamos as creadoras ao público de Vigo e do Porto, que repite unha e outra vez as lecturas dramatizadas e as charlas coas autoras que protagonizan cada edición. Pero o traballo para dar a coñecer o talento feminino galego e portugués non queda só nas representacións. O proxecto vai máis alá e chega até a publicación dos textos en formato dixital, para que a obra das mulleres dramaturgas teña máis alcance e poida chegar a todas aquelas persoas que gozan da escrita teatral e do mundo do teatro.

Cada ano marcámonos o obxectivo de procurar o que teñen en común as nosas autoras, para dar co punto onde as súas voces se atopan e dialogan, e neste caso atopámolo, de novo, na súa ollada á realidade da muller, na que esta ocupa o centro do relato. Nos dous textos trátase a acción dramática desde o compromiso feminista tentando facer visible o que queda velado e, en segundo plano, no traballo e nas relacións persoais e familiares. Esa aposta feminista, política e de xustiza chega a interpelar o público para que revise os seus puntos de vista sobre xénero, poder e tradición.

As dúas pezas son radicalmente opostas en canto a estilo: se A Panadaría define As que limpan como “unha sátira sobre as camareiras de piso dos hoteis”, na que se relata a loita das traballadoras por un traballo digno, desde o humor e utilizando ao público como un personaxe máis, con continuas rupturas da cuarta parede; pola contra, A morte da sereia, de Inês Filipe, revisa a peza de Ibsen A dama do mar, recreada por Susan Sontang, mergullándose nun mundo simbólico e delicado, mais tamén utilizando o metateatro para achegarnos aos conflitos arredor do xénero, da familia e do que o poder nos di que é correcto.

En ambas as dúas propostas as autoras poñen o foco na opresión á que se ve sometida a vontade das mulleres, condicionada por relacións que as asfixian e as enferman, tanto no ámbito persoal como no profesional. Elas, coa súa ollada, axúdannos a pensar sobre as relacións de poder no traballo e na familia, e convidan a mirar con atención e tamén —moi explicitamente no caso de A Panadaría— a tomar posición fronte a unha realidade en que as mulleres seguen perdendo.

Finalmente, non queremos pechar esta breve introdución sen salientar unha das mellores partes deste proxecto: a colaboración real e fluída entre o Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões, a ESMAE do Porto e a ESAD de Galicia, esta vez coa participación a maiores do Centro de Cultura Politécnico do Porto. Sen esta sintonía e o compromiso constante das catro institucións, sería imposible darlles forma ano tras ano ás Dramaturxias Itinerantes. E iso é, para nós, unha fonte de orgullo e agradecemento sincero.
LUGAR
10 de novembro
17:00 horas
Centro de Cultura Politécnico do Porto
Praça do Marquês de Pombal 94
4000-391 Porto

11 de novembro
17:00 horas
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
Rúa da Poza Cabalo, 1
36212 Vigo
MÁIS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Ficha técnica 
Ciclo
Dramaturxias itinerantes/ Dramaturgias itinerantes
8.ª Dramaturxias itinerantes
AS QUE LIMPAN de A Panadaría
A MORTE DA SERIA de Inês Filipe
Cando
Porto, 10 de novembro e Vigo, 11 de novembrode 2025
Onde
Porto - Vigo
Lugar

10 de novembro
17:00 horas
Centro de Cultura Politécnico do Porto
Praça do Marquês de Pombal 94
4000-391 Porto

11 de novembro
17:00 horas
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
Rúa da Poza Cabalo, 1
36212 Vigo

Organiza
Consello da Cultura Galega
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (Porto)
Colabora
Camões-Centro Cultural Português en Vigo