Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962 en 07/04/1962
Samil (Vigo), 7/IV/1962
Queridos Isaac e Mimina:
Primeiro de todo, nosa condoencia máis sinceira pol-a morte de D. Alicio. Anda o vira pouco tempo denantes de cair, nos pasillos da Audiencia da Cruña. Sempre falabamos de vós. Eu non sospeitaba que levara dentro unha sentencia de morte fulminante.
Camiliño e os irmaos escribíronme unha carta moi xeitosa, que lles contestéi. Despois escribíu a tía Lola, sempre co seu esprito aceso. Por todos estes informes e pol-os vosos directos supoñemos que estaredes xa co pé na estribeira ¿do barco? ¿do avión? Se facedes o viaxe por mar non deixedes de saudar en Santos ao meu camarada Valentín Montero Vázquez, a quen lle escribín n-estes días comunicando a desgracia, pois non debía saber nada. Vive en Luís de Faría, 21 e ten o tel. 45-215. Ou tiña.
Nós estamos vivindo a rente d-este fermoso areal, c-un escenario de illas que nin feito de encarga. Como eu non poderéi acudir ao barco, cando cheguedes, si é n-este mes, irá Pilar no noso carro. Cómpre que nos avisedes.
Eu ando agora c-oa reeducación articular, que é moi doorosa. Os musclos e os tendóns afanse a inactividade e custa moito remover a ferruxe que toman as visagras, Non sei canto durará isto, mais xa dura demasiado.
Pilar traballóu moito eiquí, pra acomodar provisionalmente a casa. Hoxe atópase algo doente, mais coidamos que será unha pasaxeira contrariedade.
O demais todo parez camiñar a paso canso e pol-os vieiros trillados. Ou será que me semella ser así as cousas, agora que eu vivo condenado a inmovilidade. Non sei o que durará aínda, pro sospeito que teño pra máis d-un mes.
En maio agardamos que chegue Souto de México. Tamén anuncian o retorno Jesús Bal e Carlos Velo. Colmeiro segue en París deica o vrao.
Pilar e Alfonsiño –este en Santiago- suscriben estas liñas e vos mandan, co-as miñas, suas mellores apertas.
Valentín