Aurelio Aguirre (1833-1858) / Fondo: Xosé María Álvarez Blázquez no seu arquivo persoal / PROXECTO EPÍSTOLAS / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Fondo: Xosé María Álvarez Blázquez no seu arquivo persoal

----
Temos 2 epístola/s relacionada/s con Aurelio Aguirre (1833-1858) en Fondo: Xosé María Álvarez Blázquez no seu arquivo persoal
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
1966-04-28
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966)
Lugo - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966) en 28/04/1966

COLEGIO FINGOY LUGO

28, abril, 1966

Sr. Don Xosé Mª Álvarez Blázquez
Vigo
Meu querido amigo: Fai tempo que lin en “Cuadernos” o teu traballo sobre literatura relativa ao Mariscal. Agora recibo a separata que che agradezo moito. Ben quixera compracerte dándoche unha opinión meditada acerca do teu estudo. Non me será difícil facerche comprender que ando esmagado polas angurias e que de momento non dispoño de vagar pra manexar “o escalpelo”. Ti sabes tanto coma min diste vertixinoso vivir arrebatado por mil deberes ineludibles que lle merman a un o tempo. Incrementadas as miñas obrigas docentes e compricado todo co meu oscilar entre Santiago e Lugo, vexo aterrado cómo a duras penas salen as miñas tarefas cotiáns, e non son dono de dar abasto ás que, como a Gramática, sendo urxentes, non está suxeita a un prazo fixo, anque a súa demora me valla constantes admonicións. Final de curso este tempo, con centenares de alumnos se sumamos os dos tres centros nos que traballo, apenas por facer frente á situación. Vemos, pois, de agardar ate que poda estudar seriamente o teu traballo.
Craro está que é de grandísimo interés. Fica firmemente demostrado que Saavedra refundiu anacos de dous poemas distintos sobre o Mariscal, perfeitamente calificados por ti. É tamén indudable, ao meu xuício, que a “Relazón” prosifica algo dun deles. Cánto, en qué medida se atopan na prosa aqueles versos díste, é dicir, ata que punto a túa reconstrucción ten posibilidades de ser esacta, é o que non podería decir sen estudala verso por verso, e iso farei axiña que poda. Hai outros moitos aspeitos das túas conclusións que aportan outras luces ou plantean novos problemas e e merecen a atención máis esmerada. En fin, felicítote efusivamente por tan fremosa aportación aos nosos estudos literarios.Non che ocultarei que fai tempo crín ter achado unha noticia que resolvería o problema da verba ou verbas “Todomira” confimando i espricando a leición deFreijomil, pero agora, querendo dar con isa noticia pra cha comunicar que non a acho acho onde imaxinaba que a vira, e como a atopara por azar, cando non estaba preocupado por ista cuestión, non tomei ningunha nota, empezo a pensar que estóu trabucado, e que hai en min alguna confusión e nunca albisquei cousa sobre o particular. Endebén, hei seguir esculcando ate me convencer de que soñéi, ou ate dar de novo co dado, en cuio caso non deixaría de aportarcho.
Gostaríame ter pronto ocasión de falar contigo de todo isto e outras moitas cousas. Veremos agora as luces que Filgueira aporta no seu anunciado traballo dos “Cuadernos”.
É tamén interesante o teu descobrimento do pouco galego de Aguirre. E un grande Colón dos nosos tempos. Por certo que outra cousa sobre a que tiña tamén algo que decir é a túa reconstrucción dos versos corruptos da égloga de Belmiro e Benigno. Xa non me acordo ben. Era algo de pouco monta, pero cando fagas a edición crítica dise testo volveréi a ler o teu traballo e che indicarei o que se me ocurra sobre algún verso.
Unha forte aperta do teu amigo. Ricardo.

1966-07-16
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966)
Lugo - Oviedo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966) en 16/07/1966

Fingoy, 16 xulio 1966
Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Oviedo
Meu querido amigo: Puiden despachar máis unha das túas encomendas. Dempóis de varias xestións na Biblioteca Provincial conseguín que me deixaran a coleición de “La aurora del Miño” e levéina a un fotógrafo, quen, logo dun intento que non resultóu satisfactorio, outivo unha fotocopia que me parecéu suficientemente crara do diálogo de Pintos. Mandéicho certificado hai uns días, e supoño que estará xa no teu poder.
Vin o teu traballo en “Grial” sobre os versos de Aguirre. Os meus puntos de vista sobre a siñificación dos mesmos—considéroos marxinás ao noso Renacimento—espóñense nun artigo que mandéi ao “Faro”.
Conforme vaia podendo, iréiche despachando o resto das consultas. Agora estóu inmovilizado en Fingoy, con miras a rematar a Gramática.
Unha aperta do teu amigo,
Ricardo Carballo Calero