Ramón Mourente (1907-) / Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal / PROXECTO EPÍSTOLAS / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal

----

Ramón Mourente (1907-)
Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal

Presidente do Centro Galego de Bos Aires, elixido en 1966 De ideoloxía conservadora, mantivo boas relacións co goberno franquista o que o levou a enfrontamentos coa Irmandade Galega nas eleccións do centro de 1963
Temos 2 epístola/s relacionada/s con Ramón Mourente (1907-) en Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
1966-03-10
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1966
Vigo -
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1966 en 10/03/1966

Vigo, 10/3/1966



Querido Isaac:

Estóu hai moito tempo para contestar a tua derradeira carta. Son tantas as angueiras que un ten enriba, en loita de urxencia, que nos deixan sen vagar aínda par-a o mais grato ao noso esprito. De todal-as sortes, non hai moitas cousas a contar, pois o adormecemento persiste, aínda que o tempo, bon roedor, faga tamén a sua laboura profunda.
Te supoño informado do episodio A.M. Faléi con il e escribinlle. Sempre supuxen que non levarían a cousa adiante, para non provocar resoancias ao exterior. A derradeira carta que me escribéu dende as túas mariñas anunciaba a volta a Madrid, onde supoño que se atopará arestora. O día 15 penso chamal-o, de camiño para Guinea Ecuatorial, onde pasaréi uns días, por necesidade de intervir n-unha sociedade filial de Pescanova que alí vai a fundarse. Despois demorarei en Canarias dous ou tres días.
Vin en Madrid expostos n-un escaparate de Espasa-Calpe os teus debuxos de Cecilia, que son un alarde beleza e de rigor artístico. Tamén o texto, penso que das páxinas máis logradas da mesma pruma, serán as primeiras. Teño lido algo nos xornaes galegos sobre o libro de Tomás Barros, mais do resto dos editados no Castro pouco ou nada. Nosos críticos –d-algún xeito han de ser chamados-, prefiren escribir sobre temas que deixan na indiferenza ao lector que da nosa promoción cultural auténtica, tan precisada de difusión na masa.
N-este mesmo mes suponse que ficará aprobada a nova lei de prensa. Cecais se intente facer algo en Vigo. Teño falado do asunto con Augusto Assía, que agora recalóu en Madrid con permanente ancoradoura. ¿Qué fai Seoane? ¿E Varela? Pepe Núñez dime algo da incorporación de Lourenzo a Correo de Galicia, do que non vin aínda exemprar algún. Penso que ben puideron escoller un tídoo sen antecedentes recusabres.
E nada mais. Con Mimina faléi un día dend-a Cruña. Supoño que Camiliño se defenderá ben nas novas angueiras. Anuncióume Bene, o do Faro, que vai saír para Bos Aires invitado por Mourente, e que este prepara unha volta a Galiza.
Nada máis pol-o d-hoxe. Recibe, con Camiliño, a máis forte aperta de


Valentín


P.D. Moisés Álvarez leva varios meses fora. Supoño que chegará despois do 20. Si queres que lle diga algo, podo facel-o, si aínda é tempo. Agardo calquera indicación tua si debo intervir no asunto

1966-11-24
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1966
- Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1966 en 24/11/1966

24/XI/1966


Sr. D. Valentín Paz – Andrade
Vigo


Querido Valentín:

Recibo a túa do 13 cte. e tomo boa nota de canto en ela me dis. Entregueille a súa a Núñez Búa.
Agradezo moito túa precupazón de que Camilo non pampeirice. Teño confianza en que non, inda que botara por acó amores, e istes, polo intre non llos vexo. Hai moitas mais cartas que xogan nil por Galiza. Non teño ningún temor nise senso. Se o tivera nono houbese traguido. Pro isto lle ven moi ben. E máis duro o clima que o rodea e fica mais perto das discipriñas nas que eu, en coincidencia co que desexa il, quixera faguelo.
O do Centro Galego coido que vai ser recuperabre. Hai ambente para elo. As xentes decatáronse do que perderon por non ter o reloj en hora e por tirar cada un pola súa banda. O Mourente xa recibiu dúas labazadas, xusto de dous inteleituaes. Seoane deixou un sobre pechado coa súa renuncia pra o caso de que gañase. E Vilanova, (cuio libro Los Gallegos en la Argentina acabara de rematar Luis con cuio esforzo e con 300.000 de pesos que lle custou o Centro Galego pudo pubricarse. O Vilanova, digo, negouse a recibir a entrega do libro de maus de Mourente, iso que iste na súa campaña eleitoral gabouse de que era o patrocinador do libro porque no premio que lle dira o centro il puxera 20.000 pesos. Craro que o Mourente gabouse de todo, tamén de que ti e Del Riego erades os administradores dos premios seus en Galiza. Polo de agora na diñidade distes dous inteletuaes atopou a forma do seu zoco. Eu tamén me manifestei pra que non quedaran dúbidas. E non será difícil que ista coyuntura a unha gran unidade e a creazón de un gran semanario. Xa falaremos.
A responsabilidade do trunfo de iste home está en seu aproveitamento das circunstancias do país e na traición de Estévez que se puxo á súa beira falsificando un telegrama que lle faguía firmar a Villamarín apoiando o Mourente. Afortunadamente, mais que nada pra Villamarín, eu cheguei a tempo de faguer unha desmentida pubrica a víspera de eleiciós. Pode dicirse que se non fora por iste treidorzuelo Mourente perdería por catro mil votos. Non se comprende que poda haber semellante cras de tipos.
O importante sería que a iste home se lle inmobilizase en levar adiante seus disparates e non tivese mais remedio que seguir cercano á liña que ven seguindo o Centro. Dentro de dous anos se elixe vicepresidente, e il non é tan parvo coma pra non decatarse que seu pequeño marxe (38 votos) os ten por unha trampa, etc.
Nista liña vos, os que tivechedes algunha relación co Centro, invitados, etc. da terra, poderiades axudarnos moito. Pensa que si vos fórades capaces (non poño en dúbida vosa capacidade cualitativa de valor moral para faguer as cousas. A capacidade á que me refiro é a de atopar a coincidencia e porse de acordo) forades capaces, digo, de enviar ó Centro Galego unha carta na que manifestarades vosa inquedanza pola sorte que poda correr a laboura cultural que veu desenrolando o Centro, pregando que súa política cultural de defensa das cousas de Galicia, coa que acadou prestixio no mundo, non sexa abandoada. Simplemente con algo así nos haberiades axudado moitísimo. ¿Que dis? ¿Habería posibilidade de faguer isto? Se fose perciso eu podería escribirlle a Risco no mesmo senso. Polo intre a cousa debería limitarse ós que tivéchedes relación co Centro: ti, del Riego, Sabell, Pedrayo, Martínez López, González López, Tobío, Dieste, Blanco Amor, Camilo José Cela, etc. Emilio…
Se isto o pudérades faguer unha copia tería que chegarnos a nos pra lle dar a pubricidade que eles non lle darían. Ti verás. Pensa que o traballo merecería a pena. Isto no é somente noso se non tamén voso.
A direución da revista ofrecéronlla a José Blanco Amor. Iste tipo en Faro de España lle pegou a puñalada máis trapera que se pode concebir ó seu homónimo Eduardo, até meténdose coa súa conducta púbrica e privada.
Perdoa a lonxitude de ista. Son un animal.
Pra voltar inda non teño proieutos.
Ti non deixes que Alfonso se che quede pola Gran Bretaña. Fan falla xentes en Galiza que crean nela, e Alfonso cree.
De Camilo e de min fondas lembranzas pra ti e para Pilar cunha aperta tensa e cordial.

[Isaac]