Francisco Fernández del Riego (1913-2010) / Epistolario de Ricardo Carballo Calero / PROXECTO EPÍSTOLAS / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Epistolario de Ricardo Carballo Calero

----

Francisco Fernández del Riego (1913-2010)
Epistolario de Ricardo Carballo Calero

Escritor, intelectual e político galego que desenvolveu desde a década de 1930 un traballo a prol da cultura galega. Foi un dos fundadores da Editorial Galaxia e da Revista Grial. Empregou diversos nomes artísticos no seu labor, como Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros.
Temos 2 epístola/s relacionada/s con Francisco Fernández del Riego (1913-2010) en Epistolario de Ricardo Carballo Calero
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
1960-09-30
Carta de Carballo Calero a Seoane (1960)
Lugo - Bos Aires
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Seoane (1960) en 30/09/1960

Lugo, 31 [sic] de setembro de 1960

Sr. D. Lois Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Foi pra min unha ledicia recibir a túa carta. As túas verbas cariñosas –sentimental como eu son segredamente– énchenme de emoción. Es demasiado xeneroso ao lembrar con agrado unhas horas pasadas con un home envellecido e malencólico, pantasma de sí mesmo, supervivinte doutros tempos i estrano nístes. Só a resurreición do pasado, na persoa dos vellos amigos apertados dempóis de longa ausencia, torna a infundir algún quentor na miña friaxe. Se non me atopaches enteiramente cadavérico, como xustificadamente podía temer, a iso se debería. Houbera querido ter pra vós o agasallo dun pulso máis rexo, dun trato máis tónico. A miña soedade interior non é pra cultivar en mín unha sociabilidade que nunca poseín en grao sobresaliente. O certo é que a túa muller e ti deixáchedes na miña lembranza o mellor dos recordos; e María comparte enteiramente istes sentimentos. Sempre vos consideraremos dous irmáns, e onde queira que voltemos a nos ver, será pra nós un grande contento vervos.
Tardéi en che contestar mergullado na posta en marcha do Colexio no novo curso, o que sempre crea problemas máis dificis e pertubadores do que pode sospeitar quen non conoza as peculiaridades do caso. O meu traballo é dabondo esmagador, si se ten en conta que non podo escusarme de complicalo coas tarefas literarias que se me encomendan e que é o único que dá unha sombra de xustificación á miña vida. Mentras a Historia da Literatura que ando a facer non esteña rematada, teño hipotecada a miña esistencia. I eso vai pra longo.
Supoño que terás recibido o meu discurso de ingreso na Academia Galega, que trata sobre as fontes de Rosalía. Debíncho mandar, se non lembro mal, estando ti en Europa. Non sei se cho mandei ao Centro Galego. Coido que sí, o mesmo que outro exemprar que adiquéi a Blanco Amor.
Aínda non recibín a Obra Completa de Cabanillas, que ten xa moita xente por eiquí. En vista de elo, escribín ao Presidente do Centro, rogándolle que intervira persoalmente pra que cesara ista anomalía. Ao día seguinte, recibín carta de Emilio Pita, na que iste bo amigo me asegura que non tardaréi en recibir o volume. Polo de agora, non o teño. Logréi ver dous exemplares: o que se lle mandóu a Del Riego e o que se lle mandóu ao Director da revista Vida Gallega. Agardo que de calquer xeito non se demorará moito a chegada do meu exemprar.
Na túa carta, me falas de que por correo aparte me envías as túas obras de teatro. Non me chegóu nada diso; pero dende logo, La Soldadera i El irlandés astrólogo ma adicaches e regalaches en Lugo, xuntamente con As cicatrices. Como teño tamén Na brétema, Santiago e Fardel de emigrante, [sic] a túa bibliografía está bastante completa na miña libraría. Sempre leeréi con pracer o que queras me mandar.
María i eu vos enviamos apertas de todo corazón.

R. Carballo

1961-11-28
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961)
Lugo - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961) en 28/11/1961

Colegio Fingoy, Lugo, 28-XI-61

Sr. Don Xosé Mª Álvarez Blázquez
Vigo
Meu querido amigo: ¿Cómo non ía firmar a proposta do teu ingreso na Academia? Del Riego i eu quixemos xa te propor na anterior vacante. Non puiden asistir á unha reunión de amigos na que se acordou quete precedese Fole. Falo de anterior vacante, pero agora decateime de que se trata da penúltima. Pra a anterior pactouse cos da Coruña que presentaran a Meijide sobre a base de que apoiarían a túa candidatura para a próxima. Fun sempre, pois, entusiasta partidario de túa inmediata academización. Ti fixeches e fas unha grande labor, e serás académico de primeira. Se falas de formación truncada, íse e tamén o meu caso. Os dous somos cabaleiros mutilados pero non estamos entereimente inutis para o servicio.
Nas miñas notas non figura expresamente a data dos números do “Heraldo” ns que se pubricóu o “Rechamo”; pero combinando dados, chego á concreción de que a pubricación debéu comezar en novembro ou decembro de 1874.
Quixera que me mandaras unha breve nota descriptiva da “Resposta ao Rechamo”, pois nunca vin tal texto , e quixen mencionalo na Historia. Supoño que está en galego. Inserta algún pequeno anaco, indícame a métrica empregada e resúmeme o contido. De paso fai o favor de me indicar as páxinas de Orensanos ilustres que D. F. Alonso adica a Nóvoa.
Interesaríame certos números do Bol. da Academia Galega. Agoa estóu pendente da resposta de Naya sobre os que a Academia me pode facilitar. Cando a teña escribiréiche sobre o asunto.
Como non dubido da túa eleición, envíoche a miña felicitación máis sincera.
Apertas
R. Carballo.