Proxecto Epístola

----

Cruz Gallástegui (1891-1960)

5
Mencionado/a [5]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
1965-04-12
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1965
Vigo - Magdalena (Arxentina)
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1965 en 12/04/1965

Vigo, 12 de abril de 1965


Sr.D. Isaac Díaz Pardo
Cerámica Celtia S.A.
Magdalena F.N.G.R.
La Plata (R. Argentina


Querido Isaac:

Chega agora ás miñas maos a tua do 4. Fólgome moito de que o traballo que fixen pol-a forza da tua teimosía, encaixara no voso pensamento. E tamén que teña a Villamarín por padriño.
Quero aínda así facer algunhas acotacións ao contido da tua carta. A maior autoridade pra respaldar o manifesto é o Centro Gallego de Buenos Aires. Sentada a premisa fundamental, penso que despois deberían firmalo os outros centros de América. Bastaría que lle enviarades unha copia, e a devolveran aprobada e firmada, pra que o Centro de Buenos Aires, pudera ordear a impresión coas firmas de todos.
Non me opoño as modificacións ou adaptacións que pensades introducir. De todos os xeitos coido que o ton formal de neutralidade política, debería conservarse, pra que non se lle dera unha torta interpretación receptiva a fin de limitar ou abortar o impacto do documento.
Coa mesma sinceridade direivos que non comparto o punto de vista adverso ao contido do apartado 9. Si a economía agraria non leva ao máximo o desenvolvimento gandeiro, o nivel de renta rural ficará estancado. A carne, vacuna, ao menos en Europa, é cada día máis artigo de luxo, e a redención do noso agro depende fundamentalmente de incrementar as producións caras. A suposta saturación que podía admitirse no tempo de Gallástegui, hoxe non representa un factor limitante. Estamos no tempo dos alimentos compostos pra o gando, e da cría estabulada. Tamén a gandeiría galega ha de deixar de ser extensiva pra facerse intensiva, seguindo a liña moderna da produción aviar. Ou seña, fabricar moitos kilos de carne no menor tempo posible, a base de sobrealimentacións xeneradoras de proteínas.
Galicia, que logo chegará a ter unha producción elevada de fariña de peixe, pode aproveitar esta ventaxa, pra o fomento dos seus recursos vacunos.
Apunto estas consideracións, non por manter o meu criterio, senón pra que o voso se exercite sobre o tema e tomedes unha decisión con libertade.
Fai o favor de decirme algo mais sobre a saúde de Pepe Núñez. Supoño que se tratará de algo pasaxeiro, mais quixera sabelo concretamente. Escribireille, aínda que Pepe vive en estado permanente de acreedor epistolar.
Recibiremos a Baltar e Mireya no «Arlanza». Penso que despois de atoparse eiquí, tornará a botar raíces.
E nada mais. Lembranzas a todos os amigos, que tamén vos envían Pilar e Alfonso, coa miña mais fonda aperta,


Valentín

1964-12-31
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1964
Vigo - Magdalena (Arxentina)
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1964 en 31/12/1964

Vigo, 31 de Diciembre de 1964


Sr.D. Isaac Díaz Pardo
Cerámica Celtia S.A.
Magdalena F.N.G.R.
República Argentina


Querido Isaac:

A tua carta do 16, compre meditala moito. Eu ben quixera ter tempo para dar desenvolvemento a-os puntos que tocas. Doume conta de que os enfoques tradicionaes sobre o problema socio-económico da nosa terra, teñen feito sua camada nos espritos, mais coido que non darán remedio aos nosos males.
O plan promulgado pol-o goberno, aínda con dous polos de desenvolvimento industrial, fará máis agudo aínda o disparexo contraste do agro e da vila, da masa rural empobrecida, e de duas ou tres concentracións urbáns que medran en volume moito máis que en formación cultural. Coido que o erro fundamental está no medo que ten o poder central aos plans de desenvolvimento rexional, único camiño pra que a prostración das zonas deprimidas acabara, e puderan ir reflotando ao nivel das mais adiantadas.
Non se decideu dar a estrutura rexionalizadora ao plan, penso que por non instituír unha autoridade económica ao frente de cada demarcación. Esa autoridade podería ser o xerme de un poder autónomo, ao menos no orde material, e unha experiencia así dirixida, non cabe nos miolos dos planificadores centralistas.
Si veño loitando pol-a creación do Banco Rexional do Fomento é porque coido ter concencia de que todos os demais camiños estean pechados. Si creamos en Galicia un poder económico, fortemente dotado de capacidade, tanto como de técnica e cartos, gobernado por un pensamento dinámico e autenticamente galego, teremos dado o paso fundamental. Toda obra política descansa hoxe na actividade d-un órgao económico. Si non contamos con el facemos unha casa sin cimentos.
A revolución no campo galego, que poida dar asento definitivo aos homes nados xa con vocación de emigrar, non se fai suprimindo o minifundio ou aumentando as áreas de reforestación. Hai xente demais a vivir dela. Hai unha morada rural inhumán pra acobillar xente e facenda. Hai incultura literaria e técnica, pra obter rendimento dunha terra impropiamente explotada, que dá millo, centeo, ou patacas, nos surcos que deberan reservarse pra especies moito máis selectas e valorizadas. Xa te darás conta de que unha materia tan complexa e deturpada por vellos erros, non pode ser abordada no marco dunha epístola.
A emigración ultramariña vén decrecendo, mais pra Europa aumenta moito. No ano 1962, pasaron o Pirineo os seguintes traballadores galegos:

Da Cruña 2571
De Lugo 950
De Pontevedra 2989
De Ourense 4990

Non hai estadísticas de 1963, mais é certo que superará con moito estas cifras. O pensamento de Gallástegui era posibilista, encaixado no seu tempo. Era d-un home de cencia, non dun político nin de un economista. Pra nós é un bo punto de partida, mais é preciso forxar unha doctrina moito mais completa, profunda e enriquecida das esencias da hora que vivimos.
Todo o esforzo debe conxugarse cara a metas conqueribles, non a utopías precipitadas. Teño tanto anceio de voar co pensamento e dar solta ao sentimento como calquera de nós. Mais quero ser home do meu tempo, loitar con fórmulas facedeiras aínda que non teñan feitío de tanta pureza como certas posicións sacralizadas.
Con esta disposición estou totalmente á tua, sempre que as miñas forzas respondan.
Supoño que Seoane terá recibido nestos días unha carta miña. Dille axiña pra sua tranquilidade que a licencia de importación está concedida e remitida en tempo a Monfort. Coido que hoxe quedaría resolto o despacho.
A Pepe Núñez penso tamén escribirlle. Sei que Beamonte atópase en Madrid, mais eu non puiden velo aínda. Con Álvaro tuvo varios contactos.
Pilar, Alfonso i-eu facemos os mellores votos pol-a tua fortuna no Ano Novo, desexando que sea doce e medrado, coa máis forte aperta do teu sempre incondicioal,

Valentín

1959-04-00
Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1959
-
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1959 en 00/04/1959

C. abril 1959

Querido Isaac:
Chégame a túa do 5, cando aínda non botara ao Correo a feita para contestar a do 23. Non quero demorar a resposta.
Compráceme moito que manteñades interese por un proxecto, no que eu teño posta algunha esperanza, se o conseguimos plasmar orientado a producir un viraxe a fondo na vida galega. Mais tal vez por estreitez na visión especializada, non acerto a descubrir que conexión pode ter con aquela idea, ou a súa conversión en realidade, a visita de Otero.
Penso que nesta hora, se queremos facer algo vivo por Galiza, mellorar a súa sorte como pobo, erguer a condición dos seus homes… temos que abrazar un pensamento sintonizado coas necesidades sociais hoxe sentidas. Admiro e quero a Ramón coma o que máis, sen deixarme cegar polos refrexos da súa bonhomía, tan abusada, e do seu xenial barroquismo. É o cisne dunha época, que non é a vivida agora por os millóns de galegos asoballados pola miseria tradicional ou evadidos dela pola vía da emigración.
Comprendo que il xa non pode rectificar, nin o seu pensamento nin o seu estilo. Nin debería. Está ben como está. O absurdo é que outros, aínda en anos e condicións para se poñer a traballar na materia viva, non se decaten do tempo e as posibilidades que fan perder ao país, consumindo a súa actividade en baraxar valores mortos ou banais. E que traten de infruír na mocidade universitaria, orfa de mestres verdadeiros, cun bagaxe mental tan inocuo, mentres o destino económico da Terra pode sufrir unha máis fonda recaída na servidume. E que tampouco teñan caído na conta de que practican deste xeito unha forma de colaboracionismo cos antípodas políticos.
Teño traballado na redacción dos estatutos do Instituto Galego de Economía. Non rematei, tanto por falla de tempo, como por falla de clima. Agardaba a remoción que se supón ha de producir o libro, que non acaba de chegar, e que pode ser un esforzo pouco fértil se non circula eiquí dabondo. Si vos queredes, podo tratar de rematar a laboura, aínda denantes que o libro veña, mais non coido que se deba variar o pensamento primeiro. Poderían constituírse outras institucións técnicas, mais cada unha ten a súa función específica, sen pechala estreitamente na investigación ou na experimentación, que outros xa fan e pode ser aproveitada en canto bagaxe teórico ou científico. O Instituto Galego de Economía ten a facer moito no estudo da estrutura dos recursos, no proceso da industrialización, na formación doutra mentalidade empresarial, na orientación dos problemas crónicos do país que os demais non se baixan a auscultar, na formación de capacidades.
As colectividades galegas de emigrados poden axudar á financiación e sostemento do obra, mais eu coido que a base han de a dar as empresas galegas eiquí afincadas. De calquera xeito, será mellor rematar o proxecto e despois estudar as melloras que nel poidan introducirse, e facer a escolla dos medios para o levar á realidade. Agora ben, coido asisado non mesturar no choio a quen, por moi alto que estea e moi ben que sexa, non podería contribuír senón a dar, diante de certa xente útil para aportar medios, unha impresión de ser unha expansión máis tan retórica como as outras.
Se estou trabucado, e cecais así sexa, perdoádeme, mais para facer algo no mundo é preciso despir o peito.
Apertas cordiais de,
Valentín

P.S. Hai sospeitas de que os diagnósticos sobre Gallástegui estaban errados. Deus o quixera.

1964-11-16
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1964
Magdalena (Arxentina) - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1964 en 16/11/1964

Magdalena, 16.11.1964


Sr. D. Valentín Paz-Andrade
Vigo


Querido Valentín:

Recibín a túa do 16 cte., que agradezo, e tomo nota de canto en ela me dis.
A urxencia que pregaba para o enfoque do plan ise referido a Galiza, vén de unha síntesis que se percisa sobre ise tema coma contribuzón a un traballo xeral que se está faguendo ahí, en Europa, e dista vegada se pretende que Galiza non siga dando razón do seu silenzo. A parte, eiquí, faríase un folletiño. Ao primeiro non podo sacarlle a presa e haberá de faguerse o que se poda cos materiaes que se atopen. Pra que non fose literatura de afeizoado é polo que pedín a túa autoría. Estou de acordo en todo canto dis menos en aceutar «algún tempo e moita pacencia».
Direiche meu pensamento pra que lle fagas unha crítica ou te bulres dil. Soio pretendo empuxar a empuxóns.
Teño á vista, coido, todo o feito por ti encol do problema. No ano 63 contemplabas xa o plan e denunciabas a postrazón do seutor agrario, que dende entón agravouse, aumentando as áreas incultas e o éxodo, con todas-las lacras intermedias.
O plan no foi precedido de un educacional de primeiro ensiño. No terreo agrario fíxose o Plan Coruña, que non eisistiu xamais. Ten soio o nome. Fíxose algo de concentrazón parcelaria, no mellor dos casos cun incremento da productividade da terra do 20%. Sabido. Non embargantes, os inxenieiros concentradores fican desolados. Non falemos do ensiño primario que vai de mal en peor mentres no se impoña a escola bilingüe teunicamente urxente para «entender» as imaxes primarias. (Lee o artigo de L. Casanovas de fai poucos días no Progreso). A escola primaria que ten que ir acompañada da posibilidade económica do labrego pra ceibar do traballo ós nenos, polo que a educación e a elevación económica do campo teñen de ir xuntas.
Os polos en Vigo e na Cruña onde había de si un desenrolo eispontáneo, deixan o resto da rexión, o mais indixente, á mercede aleatoria da claúsula quinta da aición concertada. Ten moito de espectacular e de colocazón dun nome dunha cousa que xa se estaba facendo, procedemento non excepcional nos derradeiros lustros, senón típico. Din que os proxeutistas puñan os polos pola banda de Monforte, mais din as malas linguas que houbo intervencións todopoderosas que, temendo o fracaso, fixeron suxestión de que se puxeran onde están, xa que sempre quedaría coma defensa o fondo eisistente. Sendo a verdade que onde están profundizan máis a distancia que xa eisistía entre as dúas vilas e o resto de Galicia, xa cunha cuase descriminazón racial entre vilegos e aldeáns que até falan distinto idioma.

O enfoque, a resposta, a tal artificio (non sería elegante acusar sen propor algo) coido que debería ser pedir a formulazón dun plan, ou das bases de un plan de escola primaria, orientada máis ben ó rústico (pro sen descriminazón coa da vila) e outra formulazón dun plan agrario, e que se discuta. Fuche ti quen leva dito dende fai moito tempo que nistes dous aspeutos é nos que hai que traballar para sacar a Galicia do seu círculo vicioso, e o desenrolo industrial ha de servir a isto e non á inversa. Logo de pór uns labregos en seitores de terra rentable, o resto terá de absorberse en industria, ou alternar a actividade levando a industria perto dos seitores agrarios, equilibrio máis humán. As concentracións industriaes son máis propias de final-principio de século, e hoxe son soio concentracións de probremas, e cementerios cheirentos de intrascendencia humán.
Gallástegui fixo e dixo canto pudo sober do probrema. Non pudo decir pubricamente que o campo galego percisa toda unha revolución. Daba pena velo, coñecedor do probrema, atado de pes e mans. Non é un probrema de laboratorio ou de economista operando dende o sistema económico causante do mal. Hai que subvertir o statu quo que mantén a enfermedade e faguer unha reforma agraria a fondo, planificada, dirixida, que abrangue dende a axuda do Estado pra adequerir o resto das terras, coma fixeron en outras rexións, até a subvención da produción coma se vén faguendo co trigo e derradeiramente con outros produtos que, dende logo, non se cultivan en Galiza. Hai que barrer vellos liberalismos que feden, anti-humáns e anti-cristiáns.
Ti dis ben que cos embalses comprimiuse a área dos prados sen que a transferencia repercutise en benefizo non xa da xente labrega, sequera de Galiza. Falla un estudio socio-económico que determiñara a positividade da transformazón que se lle está dando ó Riveiro. Repoboando montes baixos do común sen que se reverta a renda directamente nos labregos que denantes os disfroitaban, se lles está tamén perxudicando. ¿Qué outro camiño tiña isto de conducir a nosa xente carón a fuxida non ben tivesen saída barata? Todo semella coma se se fixera adrede.
Entre as cousas que se poden faguer está o informar isto e non somente en libros de outo porte científico, tamén en breviarios sinópticos para que tomen concencia as propias vítimas, que tarde ou cedo a van a tomar e poderían siñalar noso silenzo ou nosa parsimonia. O froito está madurecido. Calisquer día os mesmos elementos evolucionados do réxime o desprenden.
Para calcular a magnitude da reforma que tería que faguerse en conxunto sería ben coñecer un dato dises que xamais fan figurar os bancos nos seus estudios económicos; extensións de terra traballada por labregos que non son propietarios de ela, ou viceversa, terra que non traballan seus donos, coma sexa máis fácil. ¿Que posibilidade habería de acadar isto? Tamén interesaban datos sobre a emigrazón nos derradeiros catro anos. Postos de traballo que representan os polos e pesetas a invertir por cada posto. Tipos de industrias, etc. E cantos datos contribuíran a avalar a realidade.
Iste é o meu pensamento e prégote unha crítica todo o violenta que te propoñas, na seguranza de que será ben recibida. Miña ademirazón pola calidade do que levas feito por Galiza non podería facerme doutro xeito.
Agardo pois túas novas. Unha forte aperta do teu sempre amigo.

Isaac

1965-04-21
Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1965
Magdalena (Arxentina) - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1965 en 21/04/1965

Magdalena, 21.4.1965


Sr. D. Valentín Paz-Andrade
Vigo


Querido Valentín:

Me chega a túa que farei seguir a Villamarín, que anda sorteando os imponderables de sempre pra levar adiante a cousa o máis rápido posible.
En canto ó apartado 9 en que ofrecías unha fórmula gandeira intensiva coma solución do agro, inda que estiveses no certo é innecesaria nun mensaxe posto en boca do Centro Galego, quen non ten porque dar solucións técnicas dos problemas senón pedir que os problemas se estudien. Unha vez conquerida unha concencia ou unha dinámica de protección para o campo é cando vas a ter ocasión de discutir cos inxenieiros agrónomos, e cos labregos, as solucións técnicas. ¿Che parecería ben que o Centro Galego planificase no mensaxe o equipo de pesca de costa? No é isa a función do Centro.
Pero ademais é que os técnicos parece ser que son os que non aceutan pra Galiza isa solución empezando polo inesquecible Gallástegui, (as condiciós ecolóxicas do campo galego no cambiaron dende que il falou) seguindo por seu continuador Blanco (que dimpois de tres anos acó, ó frente da estación experimental de Pergamino, ó voltar a Galiza o deixáchedes ir pra Zaragoza). E fala, ademais, cos agrónomos do Servicio de Concentración Parcelaria que xa encetan a ter eisperiencia da cousa.
As concrusións extraídas de Dinamarca, Holanda, Bélxica, etc., honradamente non serven máis que azuzar porque as condicións interno-externas de istes países non se dan na nosa terra. Istes países son soberanos e si a alguén explotan e a outros pobos foráneos. O labrego galego pertence a un pobo explotado, cercado, nin siquera ten unha protección do precio dos seus produtos; viven catro por Ha. de terra cultivada cando unha Ha. mantén con dificultade a dous animales. (E isto según estadísticas bastante dubidosas por englobar moitas terras que pra iles non contan. 160 ferrados no Castro non producen máis que fruta agusanada. Son da miña familia. Poño por diante ista aberración que me toca a mi e do que hai moitísimo en Galiza).
Non é válido como motivo de atracción o feito de que en Europa a carne sexa un artículo de luxo porque nosos gandeiros teñen visto fustrada moitas vegadas o señuelo do precio, pois cando empeza a ser remunerativo, aparecen uns señores, entre iles noso amigo Álvaro Gil, que importan a carne de acó. (Sen comento). ¿Que pasou coa produción aviar?. ¿De que lles valeu a gran produción obtida o ano pasado, non soio en Galiza? Tiveron que regalar os ovos por camións, e isto no é hipérbole, desgraciadamente. O negocio en iste caso o fixo a SWIF de Chicago. Fronteiras adentro os americanos garantizan o precio ós seus produtores agrícolas; fronteiras afora teñen outra lei. De outro xeito o SWIF non podería, sinxelamente, roubar.
Non sería, por demais, nengún demérito pra ti que non estivésemos de acordo co teu pensamento sobre o campo. O fin e o cabo ti eres peixeiro. Pro non se trata da disconformidade, senón do inadecuado do lugar pra expor ista custión. Namentras, deixa aos nosos labregos que a seu anaco real de terra lle saquen a maior produción posible pra poder vivir e pra alimentarnos a ti e a min. E ir pensando os de Pescanova en darlle outra aplicación á fariña de peixe, pois se chegades a alimentar con ila ós porcos e ós vacúns eu me quedo acó definitivamente, vaia coño!. Se ve que ti non comiches porco alimentado con fariña de peixe.
Estou ben seguro que a ti non che pesará que se lle houbese suprimido isa parte. Núñez Búa, con quen xantei onte, o atopei moito millor, ate pelexouse comigo. Boa señal. De ista non morre.
Eu, se me dan permiso, estarei por ahí sobre mediados de Maio, pro seguirei a Francia con Mimina dende Madrid. Terémoste informado de cómo andan as cousas.
A Pilar e a Alfonso nosa lembranza, e a cordial aperta a ti de

[Isaac Díaz Pardo]