Temática: torque

Temática: torque [1]

Data Material Ver
Data Material Ver
1959-11-09
Carta de Neira Vilas a Seoane. 1959
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]

Transcripción da Carta de Neira Vilas a Seoane. 1959 en 09/11/1959


Buenos Aires, 9 de novembro do 1959

A
Luis Seoane
Capital

Meu distinto e ademirado amigo:

Acabo de ler e cerrar o seu quente –quente por novo e por aceso –livro de poemas As cicatrices–. Dende logo algo así esperaba cando vostede anunciou a pubricación. Algo así, dixen, mais eso non prevé a novedade, a frescura, a renovada emoción poética; partía eu desa sospeita con moita lóxica porque había antecedentes dabondo pra cavilar sobre o novo mensaxe. E véñenseme agora á memoria en lembranza sintética os rótulos de Eiquí morreu Ramón Cernadas, Cantiga ós emigrantes, O cabaleiro vagamundo, Desterrados, A oración do artista que volta. O primeiro e os dous derradeiros chegáronme moi adentro, sin escruír sin subvalorar o acimbre nin a esencia das demais composicións de Fardel... e Na brétema...
As cicatrices está na mesma liña. Naturalmente, pois de sempre e pra sempre coñece vostede o seu camiño o que é fidel cunha conduta invariábel, dunha soia peza, como se di. Entendo –no meu quizais pequeno entender– que toda obra de arte, máis alá do seu valor estético, debe estar avalada e garantizada pola moral (ou como queira chamarse) do seu creador, e soio acada plenitude cando hai afinidade, casamento entre ela i-el. Poida que isto non sexa ausoluto pra un crítico formal; pra min é defiñitivo, termiñante. (Penso en Casals, Picasso, Machado). O home debe ser antes que nada home, e a partir dalí, da súa decencia e integridade, pode ser escritor, músico, pintor, labrego ou ferreiro, según a súa vocación, capacidade ou circunstancia.
Eu quixera decirlle moitas cousas. Persoalmente non podo, polo meu temperamento, e dende logo tampouco poderei nunha nin en dez cartas. Son moi pouco comunicativo. Non intento compararme con vostede, pero sospeito que temos caráiteres afíns. Hai homes de por dentro e homes de por fóra. Eu non sei en que grado, pero perteñezo ós primeiros. Vostede, tamén (e perdoe se non está dacordo co meu razoamento). Vostede é dunha intensa, volcánica vitalidade interior. Eso é o que trascende da súa obra. E ademais detesta, coma eu, a oratoria musical e baldeira. Somos anti-actores. Eu quixera decirlle canto ademiro, comprendo e agradezo a súa diversa, moimental e increíbel obra. E considérome afertunado por tal comprensión, pois a teima de crasificar lévanos xeralmente a considerar a un pintor, pintor; a un poeta, poeta; a un xornalista, xornalista; etc. E namais. Vostede é realmente un caso difícil pra quenes intenten un estudo compreto, panorámico do seu quefacer. Xa é moito pórse a inventariar a súa variada aitividade. Porque logo dos oficios viran as facetas ós suboficios e será cousa de non acabar.
Mais voltemos á poesía que en vostede é unha aititude incrasificábel, xa que ela abrangue, subordina, felizmente, non soio os seus versos, senón tamén a prosa (teatral, narrativa, xornalística, xornalística-radical), o dibuxo, a pintura, etc., etc., cadrando naquelo de Unamuno: “quien no vive religiosa o poéticamente es un tonto”, concepto que comparto, naturalmente. As cicatrices, repítolle, non é pra min un imprevisto, anque si un novo e moi valioso chanzo que confirma a vostede unha vez máis como positivo e outro valor entre os poetas galegos contemporáneos. E conste que non son dos que xogan coas verbas. E se vostede ou outro me pedise que documentase tal afirmación, esgrimiría unha ringla de rotundos elementos, o primeiro dos cales sería a Sinceiridade cristaíña que deitan os seus poemas. A seguido, virían outras cualidades de non menor valor, anque sempre sometidas a dita que é, coido eu, fundamental.
Perdoe tanta lata, amigo. Lin dun tirón As cicatrices –tíduo acertadísimo–; a impresión da súa lectura levoume a escribirlle, e xa ve, faleille de canto hai menos do livro en concreto. E que pra velo ben a fondo hai que darlle siquera dous repasos de vagar. A adicatoria é de singular tenrura. Os tres poemas do grupo Os torques conteñen un engado épico de orixinal feitío. E dos demais, quédome con todos anque preferentemente con ise heroi saudoso, Silenzo, Noso pobo e Ollade a Galiza. Istes dous derradeiros xa están adscriptos á miña antoloxía mental.
Recolla miña máis fervorosa e fraternal noraboa.

E un forte abrazo

José Neira Vilas

[Anexo.]
[Mecanografado.]

As cicatrices
Poemas de Luis Seoane-Editou Citania

Acaba de aparecer un novo livro de Seoane. Un novo tiduo que sobrepase os vinte, entre monografías, dibuxos, narraciós, teatro e poesía. Increíbel, asoballante fecundidade creadora. Paralelamente, Seoane dirixe revistas e audiciós radiaes, crea un estilo de pintura mural, funda editoriaes, orgaiza esposiciós, impón súa modalidade gráfica ó livro arxentino, etc., etc.
En poesía concretamente leva pubricado Fardel de eisilado (Ánxel Casal), Na brétema, Sant-Iago (Botella al mar), e, agora, o do epígrafe. Do primeiro aínda temos presente aquel longo poema tiduado Eiquí morreu Ramón Cernadas, e tamén Cantiga ós emigrantes. Do segundo, véñensenos á memoria espontaneamente tres fermosos e siñificativos rótulos: O cabaleiro vagamundo, Desterrados, e Oración do artista que volta.
As cicatrices está na mesma liña. Na liña de conducta do autor, endexamais desmentida e si confirmada en cada xesto, en cada trazo, en cada páxina. Seoane é sinceiridade e decencia. E isa integridade reforza, solidifica o valimento de que por si ten a súa obra. O home debe antes que nada ser home, e despois será músico, pintor, funcionario púbrico, labrego ou ferreiro. O oficio terá sempre a impronta de quen o desempeña. Todo o quefacer de Seoane está avalado, garantizado por isa limpa e perenne aititude. As cicatrices móstranos ademais dun poeta rebelde –no mellor sentido– a un poeta maduro, seguro do destino que recrama a poesía nestes tempos de urxencias e desacougos.
Iste novo poemario comeza con Adicatoria, de singular tenrura, sinxeleza, amor á Terra:

A ti, Galiza
dun home teu lonxano
nascido nunha habitación de emigrantes

O tríptico Os torques (A diadema de Ribadeo, Guerreiros contra a mar, A Medamus) ten un engado épico de que non atopamos semellanza en galego. Ahí xúntase a erudición coa emoción do pasado lonxano de Galicia, en equilibrada e poética armonía. E sigue unha ringla de poemas (O pasado, Ise heroi soidoso, Consinias, No combate, Silenzo, etc.) dinos todos eles de ingresar nunha antoloxía da poesía útil e necesaria desta época.
Vexamos:

Ollade a Galiza erguerse paseniñamente
de tódolos supricios.
Construíndo
antre o desamparo e a inxuria
o propio universo.

Ou ben, en Noso pobo:

Un pobo vivindo na anarquía
dende fai mil anos.
Antres embargos,
vilanías,
benzoarios,
herdanzas,
repartos...

En Seoane, a poesía abrangue, subordina toda a súa diversa obra. Poeta sempre. Acadrando así na sentencia do xenial Unamuno: “Quien no vive religiosa o poéticamente, es un tonto”. Poeta é máis ben un estado ca un oficio. Poeta non é o que fai unicamente versos, e incruso abundan os verseadores que non merecen acretarlle tan elevada denominación. A poesía de Seoane abrolla tamén nos lenzos, nas paredes, nos grabados en metal e madeira, na prosa xornalística e, en fin, en todo o seu quefacer. Seoane, en sanción consagratoria dos nosos mellores críticos, fica na galería dos poetas outos da Galicia de hoxe, e os seus poemas ocupan lugar destacado nas antoloxías máis rigurosas. O autor de As cicatrices leva dito fai tempo o que entende el por poesía: “Un poema non pode ser soio un prisma de cores, un xeito de xuntar verbas fermosas e producir soídos; e o berro de un home, o esgazamento que producen no seu esprito os feitos do pasado, trocados en eternidade”.
As cicatrices –tiduo acertadísimo– é un valioso aporte ás letras galegas, e non pasará desapercibido para todos aqueles que son sinceiros consigo mesmos e lles preocupa de veras o drama secular do noso povo.

[Manuscrito:] Amigo Seoane:
Mándolle unha copia desta nota que sobre As cicatrices escribín pra Lugo.

J. Neira Vilas
19-XI-59


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Seoane, LuísSeoane, MaruxaDíaz Pardo, IsaacFernández del Riego, FranciscoDieste, RafaelVarela, LorenzoPicasso, PabloMaside, CarlosGarcía-Sabell, DomingoLaxeiro, Paz-Andrade, ValentínColmeiro, ManuelPiñeiro, RamónHervella, EvelinaArias “Mimina”, CarmenCuadrado, ArturoScheimberg, SimónCastelao, Otero Pedrayo, RamónFalcini, LuísAlberti, RafaelGoya, Francisco deBlanco Amor, EduardoFole, ÁnxelSofovich, BernardoDíaz, XoséGerstein, MarikaLedo, XohánNúñez Búa, XoséMiró, JoanBurd, LipaCarballo Calero, RicardoOtero Espasandín, XoséValle-Inclán, Ramón MaríaIglesia Alvariño, AquilinoCabanillas, RamónFrontini, NorbertoUnamuno, Miguel deBurd, EstherMuñoz Manzano, CarmenBaltar Domínguez, AntonioSouto, ArturoCunqueiro, ÁlvaroGil Varela, ÁlvaroDíaz Arias de Castro, CamiloPrada, RodolfoTorrallardona, CarlosKlee, PaulEiroa, José GabrielVelázquez, Diego Temáticas: artes Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. artes visuaisliteraturaespazos artísticosemigraciónmigraciónsasuntos particularesmedios de comunicaciónColección: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoaneprensa escritapolíticaA nova Sargadeloshistoriaartes escénicasGalería BoninoradiocinepremiosExposición de Luís Seoane. Colonia. 1967Fábrica de Porcelanas La MagdalenaexilioLibro de TapasCírculo de las Artes de LugoÁlbum de GaliciaFardel d’eisiladoXosé EiroaExposición de Luís Seoane. Bonn. 1967Martín FierroCatro poemas para catro gravadosExposicion de Luís Seoane. Madrid. 1967Teatro Municipal General San Martín. Bos AiresHistoria de la literatura gallega, de Del RiegoBienal de VeneciaEudebaExposición de Luis Seoane. Madrid. 1970BauhausExposición de Luís Seoane. Madrid. 1963Galería Sargadelos de BarcelonapoesíaTres hojas de ruda y un ajo verdeLa Torre de marfil ou Paradojas de la Torre de MarfilLonxeLuís Seoane. GravadosdadaísmoExposición de Luís Seoane. Madrid. 1973Ediciós do CastroHomenaje a la Torre de HérculesPrecursores e novosComisión de Cultura del Centro Gallego de Bos Aires

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0