Un centenar de alumnos e alumnas de conservatorios profesionais xunto co grupo de metais Hércules Brass, que participa nesta iniciativa desde a súa creación, cantaron desde os seus fogares o poema de Rosalía de Castro “Maio longo”. As súas voces pódense escoitar no vídeo elaborado polo Consello da Cultura Galega para lembrar que este venres 5 de xuño debiamos estar en Allariz cantándolle á xeración Nós. Esta edición especial ten como título “Nenas e nenos cantan na casa” e serve para manter o espírito colaborativo desta iniciativa. O concerto que estaba previsto que se celebrase este ano trasládase a 2021.
No bico un cantar (edición especial)
No Bico un cantar
En 2013 o Consello da Cultura Galega xunto coa Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia puxeron en marcha unha proposta didáctica e musical moi ambiciosa. Chamábase “No bico un cantar” e pretendía trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. “O que se aprende cantando non se esquece xamais” dixo naquel momento Maximino Zumalave, recoñecido pianista e director de orquestra, que é o director e promotor desta iniciativa.
Cada primeiro venres de xuño, o alumnado dos conservatorios de música xuntábase nun concello para cantar un repertorio moi pensado co espazo xeográfico elixido en cada ocasión. Durante o curso escolar ían ensaiando as melodías, coñecendo os poetas e xuntábanse nun día cheo de actividade cultural que remataba nun gran concerto que cada ano contaba cunha participación duns 500 nenos e nenas.
O proxecto, que colle o nome dunha frase do poema de Curros Enríquez a Rosalía, “No bico un cantar”, arrincou en Santiago con Rosalía de protagonista. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada en Cambados no ano 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas. En 2017 fixouse nos poetas mindonienses e, en 2018, nos alalás e transcorreu en Betanzos. En 2019 os nenos e nenas cantaron en Tui aos poetas transfronteirizos. Na historia deste proxecto musical participaron un total de 2800 escolares de 34 entidades educativas musicais diferentes e cantáronse máis de 30 cancións. Todos os concertos remataron sempre con “Maio longo”, o poema de Rosalía musicado por Baldomir, que xa se converteu en emblema desta iniciativa. A nivel musical, a proposta tiña tamén outro aliciente. En cada edición encargábase unha composición musical, co que neste tempo tamén se foi configurando un pequeno repertorio para coros.


