----

Un congreso revisa o legado do Seminario de Estudos Galegos

“Saber de nós” é o título do congreso organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración de media ducia de entidades, que pretende facer balance da significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Justo Beramendi, Ramón Villares, Henrique Monteagudo son algúns dos participantes nesta cita que arrinca mañá en Santiago. Ademais, no marco desta celebración, o xoves terá lugar a festa popular coa que unha serie de entidades conmemoran a andaina que cen anos atrás deu lugar á creación do seminario.

O Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento / Consello Superior de Investigacións Científicas, o Museo de Pontevedra e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, organizan entre mañá e pasado un congreso que pretende facer analizar as dúas facetas. Dunha banda o salto cualitativo decisivo que impulsaron para a configuración dun campo específico de estudos galegos, multidisciplinario pero articulado arredor dunha idea moderna, integral e integradora de Galicia e que da título á cita “Saber de nós”. E, da outra, promoveu un ideal de excelencia científica, perseguido mediante unha actualización constante, favorecendo os contactos internacionais cos centros máis avanzados, cunha política específica de intercambio con Portugal.

O programa
O congreso está dividido en catro sesión que se desenvolven en dous días. Na primeira sesión, encargada de situar o proxecto de Seminario no seu contexto histórico, intervirán Justo Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea. Após a súa conferencia haberá unha sesión de relatorios na que participan Uxío-Breogán Diéguez, Alfonso Mato e Pilar García Negro.

A segunda sesión centrarase na propia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade. Ramón Villares ofrecerá unha conferencia baixo o título “O seminario de Estudos Galegos: traxectoria e significación”, ao que seguirán os relatorios de Aurora Marco, María Xesús Fortes Alén e Antón Costa.

O segundo día aglutina as sesións terceira e cuarta. Nelas concentraranse as áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Xerardo Pereiro falará da antropoloxía; Susana Reboreda máis Óscar Penín de Prehistoria e arqueoloxía; Francisco Díaz- Fierros de ciencia; Ana Acuña de estudos literarios e Henrique Monteagudo de lingua.

O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG moderado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, no que participan Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, María Xosé Fernández Cerviño e Uxío Labarta.

Unha festa popular: andaina e xantar
O xoves 12 de outubro terá lugar a andaina que rememora a que cen anos atrás un grupo de estudantes (entre os que estaba Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Lois Tobío ou Alberto Vidán Freiría) realizaron e que deu lugar á creación do Seminario de Estudos Galegos. Como naquela ocasión, recrearase o camiño que desde Santiago de Compostela ata o castro de Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro. A andaina, que xa ten as prazas cubertas, rematará ás 13:00 horas cun acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e unha ofrenda floral. Posteriormente, ás 13.30 horas farase unha romaría na Carballeira de Ortoño con música e xantar.