Valladares seguiu o camiño do pai e estudou en Santiago xurisprudencia e leis. Conta a entrada que na súa etapa de estudante cadrou cos “tempos de máximo brillo da Academia Literaria compostelá, á calor da cal xurdiu a primeira xeración de galeguistas coñecida coma a dos provincialistas”. Compañeiro de xeración de Neira de Mosquera, Antolín Faraldo ou os irmáns Rúa Figueroa, entre outros, compartiu con eles “inquedanzas ideolóxicas e literarias inspiradas no Romanticismo francés de Lamartinne, Chateaubriand ou B. de Saint-Pierre, no socialismo utópico de Saint-Simon e Fourier e na democracia cristiá, cuxas ideas adoito se debatían na Academia e na prensa xurdida arredor dela”. Influenciado pola corrente costumista española de Larra e co nacemento do «Folck-Lore» de mediados do século inicia a súa escrita cuns primeiros versos, tanto en galego coma en castelán, inspirados en virxinais amores de xuventude.
Xunto co pai colaborou con Pascual Madoz achegándolle datos sobre as terras de Lalín e Tabeirós para o Diccionario geográfico-histórico-estatístico que daquela principiaba a redactarse. Correspondencia que se interrompe ao trasladarse coa súa familia a Zamora onde desenvolveu os seus primeiros traballos e onde sofre un desengano amoroso. A entrada explica que volta a Vilancosta “facendo vida de «señorito de aldea»: dedicado á caza, compoñendo música —á que era moi afeccionado tanto el coma as irmás—, anotando mostras populares e actuando de anfitrión ante a visita de vellas amizades, coma a de Neira de Mosquera en 1851, que daquela andaba a publicar as súas Monografías de Santiago”: En 1852 ao ser elixido Deputado provincial en Pontevedra polo partido xudicial de Tabeirós, inicia unha carreira de 14 anos como home público polo que se traslada á capital pontevedresa. Explica a entrada que “entre 1864 e 1865, Valladares será destituído e reposto varias veces nos seus cargos no Goberno civil, sempre en función do partido político que ocupase o poder en Madrid” e, xunto coa morte do pai, regresa á súa aldea da Ulla. Onde se dedica á recolleita de literatura popular, a poesía, a novela, a lexicografía, a gramática, a música, o xornalismo, a historia, a economía, a botánica, a tradución... aínda que hoxe é máis coñecido nos eidos da literatura, da lingüística, do folclore e da música.
Fernández Salgado destaca a súa figura en tres ámbitos. Primeiro como literato, onde “Valladares figura na historia das letras galegas coma un dos precursores no uso literario do galego, pois os seus versos iniciáticos datan, no contexto do Rexurdimento, dos temperás anos da década de 1840. É autor dun considerable número de composicións poéticas tanto en castelán coma en galego, algunhas aínda inéditas”. Segundo , como apaixonado do folclore e do costumismo, polo que “foi un adiantado na súa época na recolleita de cantigas coa súa melodía, romances, refráns, contos, adiviñas, meigarías... De 1865 data o cantigueiro musical Ayes de mi país, que lle dedica ás irmás, e de 1867, o Cantigueiro popular, cun limiar redactado en galego no que defende «esa non escrita poesía, dina de ser conocida e estudiada»”. E, por último, no campo da lingüística, Valladares contribuíu ó Rexurdimento cun dicionario e cunha gramática. O seu Diccionario gallego-castellano (1884), coas súas máis de 12.000 entradas, constitúe un espello do galego falado daquela. Sobre el seguiu a traballar ata a súa morte, arrequentándoo con novos suplementos, un datado en 1896 e o último en 1902, moi pouquiño antes de morrer. E deixou inédito Elementos de gramática gallega (1892), que se publicou en 1970 cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas.
“Marcial Valladares foi un home apegado á terra, entusiasta de Galicia, da súa lingua e cultura, e coa súa obra contribuíu a que tamén os seus paisanos galegos a estimasen e iso que redundase na súa gloria” apúntase na entrada, que conta con outros recursos e artigos para poder completar a súa figura.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 680 entradas, das cales as máis recentes son as de Manuel María ou Andrés Martínez Salazar.
As biografías están en
riquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. É, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

