----

Deportistas de alto nivel recoñecen o papel pioneiro da ximnasta Marta Bobo

“Desde Ana Peleteiro ata Sofía Toro pasando por Alicia Fernández Fraga, Julia Vaquero... todas as deportistas galegas lle deben moito a Marta Bobo, porque ela foi a primeira” afirmou Merce Barrientos, presidenta do MUDEGA (Mulleres Deportistas Galegas) no marco da xornada “Marta Bobo. Mulleres e deporte” . Cita coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxeaba a primeira olímpica galega e muller pioneira que abriu moitos teitos de cristal no mundo do deporte. “É unha homenaxe a todas as mulleres que estiveron neste campo, cos seus éxitos e dificultades” afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración. Sobre esa idea tamén incidiu Carme Adán, directora do CDIF e organizadora da cita xunto con Cristina López Villar, que afirmou “temos que ter presente a importancia do deporte para mudar todos os estereotipos”. Os vídeos da xornada están dispoñibles na canle de Youtube do CCG.

Na xornada tamén participaron a medallista olímpica Sofía Toro; a subcampioa de España de bádminton, Laura Santos; un das dúas primeiras xogadoras con contrato profesional no Deportivo de La Coruña, Raquel Béjar; e a medalla de ouro en cinta do Campionato de España de ximnasia rítmica, Candela Martínez Bobo. Todas elas contaron a súa experiencia no mundo de deporte e malia a seren de disciplinas deportivas diferentes, os seus relatorios compartiron un punto de vista común en canto ás dificultades en comparación cos homes e os estereotipos con respecto ao corpo. “Chegabas aos partidos e non había vestiarios para as mulleres e tiñas que cambiarte no coche ou na rúa, ou os insultos dos teus propios compañeiros” explicou Raquel Béjar. Para Laura Santos “como o bádmiton é un deporte minoritario, os problemas chegaban na competición, dun xeito máis sutil, con temas como a depilación, ou coa vestimenta (a obriga de xogar con saia en lugar de pantalón) ou que a se ausentaba do campo cando se xogaba o partido de dobre feminino, algo impensable no dobre masculino” explicou ao tempo que recoñeceu que viven nunha situación moi precaria. “Podo ter moitos títulos pero gaño non os cartos suficientes para vivir disto” explicou Laura. A experiencia de Sofía Toro é bastante semellante. “O que se espera de ti é que sexas doce, non forte” explicou nunha intervención na que recoñeceu que gañar unha medalla fixo que mudara completamente a súa situación profesional. “Máis que deportistas profesionais, somos emprendedoras do deporte” afirmou Sofía Toro.

A protagonista
Marta Bobo (Ourense, 1966) chegou ao máis alto da competición olímpica na modalidade de ximnasia e, na actualidade, exerce como xuíza internacional e como investigadora, adestradora e coreógrafa. Ademais, é integrante da Comisión de Educación da Academia da Federación Internacional de Ximnasia. Contou a súa propia experiencia nunha conversa que mantivo coa xornalista Silvia Carregal. O seu testemuño compleméntase coa cartografía que a técnica do CDIF, Marián Mariño, presentou no marco da sesión. Un espazo web que fai un exhaustivo percorrido pola súa traxectoria vital e persoal e que xa se pode consultar. Trala súa intervención, a que foi a súa primeira adestradora, Aurora Martínez Vidal; máis a súa compañeira na selección española, Sonia Conde, xunto con Alberto Oro, compañeiro seu na Facultade de Ciencias do Deporte da Universidade da Coruña, compartiron as experiencias vividas nunha mesa redonda moderada polo xornalista e historiador Héctor Pena.

Unha performance deportiva puxo o ramo a unha xornada que comezou cun detallado e minucioso relatorio a cargo da presidenta de MUDEGA, Merce Barrientos, que percorreu historia das mulleres nos xogos olímpicos.

O ciclo
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo do CDIF que pretende poñer o foco en mulleres representativas da cultura galega e que arrincou en 2009 cunha revisión do legado de Xoana Torres. Tras dela chegaron María Wonenburger, Olga Gallego, Tereixa Navaza, Mabel Rivera, Pascuala Campos, Mercedes Goicoa, Elena Colmeiro e moitas outras mulleres sobranceiras en diferentes campos.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A xornada está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Paz Filgueira Paz, Inmaculada López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as súas actividades, cómpre destacar que o CDIF é responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso a información, imaxes, escritos, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.