Bacterias, virus, fungos e outro tipo de organismos microscópicos desempeñan unha función fundamental en moitos dos procesos que regulan o planeta. Os microorganismos foron os responsables do inicio da vida na Terra e continúan a ser esenciais para a poboación, pois grazas a eles existen alimentos e bebidas como o pan, o iogur ou a cervexa, e tamén debido á existencia destes microorganismos existen antibióticos que salvan vidas. Algunhas destas especies levan convivindo connosco dende que nacemos, mais tamén hai outras que provocaron epidemias e pandemias que cambiaron a historia do mundo.
Sobre as evidencias científicas que demostran o papel que tiveron os microorganismos no pasado, así como o rol que van ter nun presente e futuro marcados pola emerxencia climática, reflexionarán a microbióloga Marta López Cabo e o catedrático de Microbioloxía Jesús López Romalde. Farano nunha mesa de relatorios moderada por Luisa Martínez Lorenzo, após a que haberá un debate co público asistente.
Os relatores
Marta López Cabo é licenciada en Bioloxía (1993) e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela (1998). Actualmente, é científica titular no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e vicedirectora de Investigación e Estratexia Científica nesa institución. Ademais, é responsable do grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños e coordinadora da Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria. Está especializada no estudo das bacterias patóxenas de transmisión alimentaria.
Jesús López Romalde é licenciado en Bioloxía (1987) e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela (1992). Dende o comezo da súa carreira científica, investigou sobre a microbioloxía de organismos acuáticos, incluídos diferentes aspectos de patóxenos bacterianos e virais. En 2022 asumiu o cargo de decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, centro en que tamén coordina o proxecto de aprendizaxe-servizo “Micromundo”, que ten como obxectivos a concienciación sobre a problemática das resistencias aos antibióticos e a busca de novos compostos activos.



