----

Carmen García Mateo, coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, participa no AI Song Contest 2023

O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora co AI Song Contest 2023, que comeza mañá, 4 de novembro, ás 10:00 horas, no Main Stage da Cidade das TIC da Coruña. Na edición deste ano participa a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Carmen García Mateo. Intervirá na sesión de debate "AI for Galician Culture", que se desenvolverá a partir das 11:30 horas e que contará tamén cos relatorios de Andrés Piñeiro Martín, Carmen Magariños Iglesias e Iria de Dios-Flores.

O AI Song Contest é un concurso internacional que ten como obxectivo amosar o potencial da cocreación entre os seres humanos e os sistemas de intelixencia artificial no proceso de composición de cancións. Este ano, baixo lema “O Camiño da IA”, conmemora as diferentes formas de traballar coa intelixencia artificial na música a nivel internacional, cos artistas no centro do proceso de composición.

Nesta ocasión, o Consello da Cultura Galega (CCG) colabora na organización da sesión de debate "AI for Galician Culture". Nela, Carmen García Mateo, catedrática da Universidade de Vigo e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, pronunciará o relatorio “IA: Oportunidade para a modernización das tecnoloxías da fala en galego”. A mesa completarase coa intervención de Andrés Piñeiro Martín, investigador de Balidea Language Technologies, que falará dos asistentes conversacionais a partir do exemplo de FalAI, mais coa das investigadoras posdoutorais Carmen Magariños Iglesias (Instituto da Lingua Galega) e Iria de Dios-Flores (CiTIUS) arredor do proxecto Nós.