NOTICIA

----

Especialistas analizan en Ourense o pensamento político de Pasolini

Pier Paolo Pasolini deixou constancia do seu pensamento político a través dunha ampla produción literaria, cinematográfica, poética e xornalística. Co fin de profundar nas súas reflexións e de introducir novos enfoques no estudo da súa obra, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada “O pobo canta: o pensamento político de Pier Paolo Pasolini”. A cita, coordinada por Simone G. Saibene e Celia Pereira Porto, terá lugar mañá, 7 de novembro (10:00 horas), no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

“A liberdade non ten voz para o pobo. E o pobo canta”. Este é un dos versos do poema “O canto popular”, de Pier Paolo Pasolini, e nel resúmese unha parte esencial do seu pensamento político. A liberdade, a violencia, a memoria, a xustiza, a felicidade ou o poder foron conceptos arredor dos que reflexionou na súa obra, na que tamén denunciou o individualismo, a cultura de masas ou o consumismo. De feito, chegou a afirmar que “a sociedade permisiva só necesita consumidores”.

Máis de cen anos despois do nacemento de Pasolini (Boloña, 1922) e a corenta e oito anos do seu asasinato (Roma, 1975), diversos expertos reuniranse nesta xornada para analizar as reflexións políticas do escritor e cineasta. A partir das súas producións, afondarán nalgunhas das cuestións chave do seu pensamento p0lítico, un pensamento que goza aínda a día de hoxe dunha grande actualidade.

O programa
A cita comezará co relatorio “Pasolini fronte á dobre verdade discursiva: o destinatario da creación artística como autor”, a cargo de Antonio Giménez Merino, profesor de Filosofía do Dereito (Universitat de Barcelona) e autor de Una fuerza del pasado. El pensamiento social de Pasolini. A continuación, intervirá o cineasta e produtor Simone G. Saibene cunha disertación que leva por título “A mirada indomable. O cine corsario, poético e politicamente incorrecto de Pier Paolo Pasolini”.

Xa pola tarde, Severiano Casalderrey Conde, programador e crítico de cine, profundará no xermolo do discurso político pasoliniano a través dunha análise do seu labor como xornalista e ensaísta. Posteriormente, a xestora e creadora cultural Cristina Consuegra, nomeada pola revista Forbes, entre as cen persoas máis creativas desde 2023, pronunciará a conferencia “Pasolini ChatGPT. O intelectual queimado polas miradas. A ollada que resiste”. A xornada rematará coa proxección do filme La ricotta, no que Pasolini conta a ficción da gravación dun filme sobre a vida de Xesucristo. Protagonizada por Orson Welles, Mario Cipriani e Laura Betti, retrata a miseria da xente que se somete a distintas humillacións con tal de gañar un pouco de comida.