----

Acordo para a dixitalización de materiais de Paz-Andrade do arquivo de Paulo Rónai

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, visitou o arquivo do escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai (1907-1992), no inicio da súa viaxe institucional a Río de Xaneiro (Brasil). Alí foi recibida pola súa viúva, Nora Tausz, e a súa filla, Laura Rónai, que acordaron conceder permiso para dixitalizar as cartas do epistolario do pai que recibiu de Valentín Paz Andrade. Esta visita abre a axenda institucional na que destaca a inauguración, hoxe mércores, da mostra Afonso X e Galicia na Universidade Federal do Río de Xaneiro (UFRJ).

O permiso da familia de Paulo Rónai permite completar parte do epistolario entre estas dúas figuras que o Consello da Cultura Galega puxo en rede en 2021 no Día Mundial da Lingua Portuguesa. Daquela publicáronse cincuenta e dúas cartas, que o escritor e tradutor brasileiro escribiu a Valentín Paz-Andrade entre os anos 1974 e 1988. Un epistolario que dá conta da gran amizade que os uniu e o profundo coñecemento de ambos a respecto do escenario cultural da época nos seus respectivos países. A través das cartas podemos percibir como a acollida da literatura brasileira en Galicia e da literatura galega no Brasil deste período. A correspondencia permite coñecer e seguir ao longo dos anos os proxectos conxuntos que estaban a elaborar como por exemplo a tradución do libro de Valentín Paz-Andrade por Paulo Rónai. Tamén permiten coñecer que Paz-Andrade informaba ao amigo do proceso de elaboración do discurso. É posible percibir que, ao mesmo tempo que Paz-Andrade escribe esta tese sobre a galeguidade en Guimarães Rosa, prepara ao amigo no coñecemento e estudo da lingua galega, enviándolle obras de autores galegos e introducíndoo na vida cultural de Galicia. Os premios recibidos por Rónai foron celebrados con Paz-Andrade, especialmente o premio Jabuti en 1984, pois foi concedido pola tradución desta obra de Valentín Paz-Andrade.

Axenda institucional
No marco do primeiro día da visita, a presidenta e a responsable de Acción Exterior, Emilia García, visitaron a Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada e onde, dende 1940, presta asistencia, aloxamento, alimentación e atención médica a persoas maiores sen amparo familiar. Alí foi recibida pola súa presidenta, Esther Pérez Durán, e Rosario Álvarez asinou no libro de honra.

Este mércores terá lugar a inauguración dunha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia na Escola de Música da Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ). Coa inauguración da exposición dará comezo, tamén, un programa cultural no que participan expertos vinculado ás universidades públicas das cidades de Río de Xaneiro e Niterói, así como outros convidados a instancias destes colaboradores. No conxunto de actividades ocupa un lugar central a lírica galega medieval, pero ábrese espazo a outros aspectos relacionados cos proxectos políticos e a vasta actividade cultural do monarca.