Os museos fomentan a diversidade e a sustentabilidade e ofrecen experiencias diversas para a educación, o gozo, a reflexión e o intercambio de coñecementos. Entre as súas funcións, destaca tamén o servizo que prestan ao público, á comunidade e á sociedade en xeral, aínda que este é un dos aspectos que máis preocupación está suscitando na actualidade.
A irrupción das novas tecnoloxías e a aparición dos teléfonos intelixentes, unidas ao impacto social que tivo a pandemia da COVID-19, transformaron a relación entre as entidades museísticas e o seu público. Ademais de atender o visitante presencial, os museos enfróntanse ao reto de se adaptar ao mundo dixital e a un tipo de usuarios cunhas demandas e expectativas diferentes.
Co fin de analizar as funcións que desempeñan os museos na actualidade, diversos expertos reuniranse na xornada Museos pospandemia. Para que(n)?, na que tamén analizarán os grandes desafíos que deberán afrontar para adaptarse a unha sociedade en continuo cambio e movemento.
O programa
Abrirá a xornada a profesora da Universidad de Granada Dolores Álvarez Rodríguez, quen analizará o papel que desempeñan os museos como forza motriz da sociedade. A continuación, José Mª Candela Guillén, conservador do museo de etnoloxía L´Etno, explicará cales foron as chaves da transformación desta entidade. Ambos os relatores participarán, xunto con Esperanza Gigirey Liste e Manuel Vilar Álvarez, no coloquio “Museos para que?”, moderado por Xosé Carlos Sierra Rodríguez.
A sesión da tarde comezará co relatorio “O museo ao servizo da comunidade. Museo Nacional de Arte Romano de Mérida”, a cargo do director desta institución, José María Álvarez Martínez. Pola súa banda, Bernardo Pajares Duro, do Departamento de Comunicación Dixital do Museo Nacional del Prado, explicará a estratexia en redes sociais do museo e apuntará as posibles chaves do seu éxito. A xornada concluirá coa mesa “Museos para quen?”, moderada por Felipe Arias Vilas. Ademais de José María Álvarez e Bernardo Pajares, participarán nela Ramón Yzquierdo Peiró e Ángeles Penas Truque.


