O ciclo Revisando a nosa arte analiza en Vigo a obra artística de Rafael Baixeras

Rafael Baixeras consolidouse como un dos pintores máis respectados polos artistas do grupo Atlántica. Cando se fan 34 anos do seu pasamento, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) analiza a súa traxectoria artística nunha nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte. A cita, coordinada por Miguel Fernández-Cid, terá lugar mañá, 27 de novembro (17:00 horas), no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

A obra do pintor Rafael Baixeras foi analizada en varias monografías e valorada en mostras retrospectivas, como as organizadas no Centro Cultural Caixavigo e no Kiosco Alfonso da Coruña no ano 1993, no Centro Galego de Arte Contemporánea en 1999 ou no Museo Español de Arte Contemporáneo de Madrid e no Esteban Vicente de Segovia durante o ano 2000. Co fin de continuar ampliando o coñecemento arredor da súa obra, o ciclo Revisando a nosa arte organiza a xornada “Rafael Baixeras. Unha revisión”. Nela analizarase a súa traxectoria artística, profundarase no seu ideario estético e confrontarase a súa pintura coa realizada por outros creadores.

A sesión contará cos relatorios de Miguel Fernández-Cid, director do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo, comisario de mostras sobre Baixeras e coordinador da xornada; do poeta, crítico de arte e comisario de exposicións Xavier Seoane, e mais de Xavier Rodríguez Baixeras, irmán do artista, poeta e tradutor. Após as súas intervencións, participarán nunha mesa redonda xunto coa viúva de Rafael Baixeras e testamenteira da súa obra, Teresa Fernández.

A figura de Rafael Baixeras
Nado na Pobra do Caramiñal en 1947, Rafael Baixeras desenvolveu a súa traxectoria artística na cidade de Segovia, a onde se trasladara coa súa familia cando tiña nove anos de idade. Malia que comezou a titulación de Arquitectura en Madrid, finalmente abandonouna para estudar Belas Artes na Real Academia de San Fernando. Nos seus inicios, pintou paisaxes castelás e bodegóns, mais a comezos da década dos setenta comezou a recrear atmosferas máxicas, monstros e outros seres irreais nunha obra cun marcado carácter figurativo. Na década seguinte, Rafael Baixeras empezou a traballar a cor, mais, ao final da súa traxectoria artística, reencontrouse coa temática da paisaxe e volveu tinguir a súa obra de cores escuras e tons apagados.

O seu característico estilo pictórico, definido polos especialistas como un estilo abstracto conceptual, quedou reflectido nas súas obras, coas que participou en exposicións a nivel estatal e internacional. Entre elas, cómpre destacar a Bienal de São Paulo de 1977, a XI Bienal de París (1980) e a mostra itinerante Spanish art tomorrow (1981-1984).

Xunto con Fernando Sánchez Calderón, Mon Montoya e Cruz-Hernández, fundou o grupo artístico Seis y Cuatro. Ademais, vinculouse a Atlántica, o colectivo de artistas interdisciplinarios que renovou a plástica galega durante a década dos oitenta. En 1989, a traxectoria de Rafael Baixeras viuse truncada polo seu prematuro falecemento.

Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño, e Paco Pestana.


Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.